Convocados tres postos de peón forestal en Guntín

LugoXa
O Concello de Guntín vén de facer públicas as bases do proceso de contratación de tres peóns forestais durante nove meses.
concello guntin
concello guntin
7 jun 2022

O Concello de Guntín vén de facer públicas as bases que rexerán a convocatoria para a contratación de 3 peóns forestais, de xeito temporal, ao abeiro do programa Aprol Rural da Consellería de Emprego.

O contrato durará 9 meses e a selección dos traballadores será mediante a presentación de oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e polo sistema de concurso-oposición.

O Goberno local poñerase en contacto cos candidatos que seleccione a oficina de emprego e comunicará aos candidatos o lugar, día e hora no que deberán asistir para realizar a selección orientada a cubrir a oferta de emprego.

Dada a necesidade de desbroces de pistas, un dos seleccionados deberá ter o carnet de conducir C para o manexo do tractor desbrozadora. O contrato realizarase mediante a modalidade laboral coas cláusulas específicas de traballos de interese social. O carácter do contrato é por tanto temporal, respecto á xornada do servizo.

Para a selección de persoal non se requirirá a presentación de instancias, xa que os candidatos deberán figurar na lista polo Servizo Público de Emprego de Galicia, en contestación á correspondente oferta. As bases íntegras e a convocatoria están publicadas no taboleiro de anuncios do Concello de Guntín e na súa páxina web.

Os candidatos desempregados deberán presentarse o día e hora sinalado pola Oficina de Emprego ou polo Concello de Guntín, na Casa da Cultura de Guntín, e aportarán a documentación sinalada nas presentes bases, coas xustificacións documentais dos méritos que desexen alegar en relación co posto/función que se convoca.