Convocan á veciñanza da Residencia para presentarlles as alternativas do carril bici
A vindeira semana a veciñanza da Residencia manterá un encontro coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez para falar, in situ, como xa fixo coa de Marqués de Ombreiro, as alternativas ao proxecto do Carril Bici nesta parte da capital.
Esta será a segunda vez que o Goberno local acuda ao barrio para dar conta dos avances da obra e da súa configuración xa que a rexedora está a estudar, xunto aos técnicos municipais, as alternativas que poden mellorar a senda ciclista ao seu paso por esta zona, especialmente as que gardan relación coa creación de novas prazas de estacionamento, principal reclamación do colectivo veciñal.
Unha vontade que quedou de manifesto o pasado 2 de setembro cando o Concello abriu os dous aparcadoiros alternativos que se construíron nas rúas Ramón Piñeiro e Francisco Lamas López, cun investimento de 171.000 € e con capacidade para 69 vehículos, co obxectivo de paliar a perda dalgunhas destas dotacións na contorna.
“En total, a implantación da senda ciclista supuxo a creación de 126 novas prazas xa que outras 57 se habilitaron co repintado en batería ou espiga en Río Mandeo, Pomar, Amizade, Rolda do Carme e Mestre Soutullo”, referiu Méndez.
“Cómpre lembrar, ademais, que os traballos do Carril Bici aínda non finalizaron, de maneira que a configuración que amosa neste intre non é a definitiva e a prevista non só contempla moitas das demandas realizadas pola cidadanía senón que tamén se están a valorar outras que nos trasladan a medida que avanza a súa execución e coas que se pretende reverter as disfuncións propias que se van sucedendo nunha iniciativa deste calado”, sinalou a rexedora.
Méndez deu conta tamén de que a partir de mañá, a área de Medio Ambiente procederá a extraer varias árbores que se atopan na traxectoria que segue o itinerario do Carril Bici, polo que estes exemplares, situados nas rúas Río Ulla, Guntín e Xermán Alonso, serán transplantados noutras propiedades municipais, como a Casa da Xuventude ou parcelas das Gándaras e as inmediacións do Hula.
“Antes de que o proxecto conclúa definitivamente agardamos poder resolver con outras opcións as melloras necesarias para que esta infraestrutura consiga conciliar as necesidades da poboación co modelo de mobilidade e cidade sostible que estamos a construír”, afirmou a alcaldesa.
A actuación do Carril Bici, así como a creación dos aparcadoiros alternativos na Residencia e O Castiñeiro se enmarcan na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, e ao 20% polo Concello de Lugo.