Convocan as axudas de concorrencia competitiva para entidades sociais, que duplicarán a súa dotación

LugoXa
O anuncio realizouse hoxe durante a sinatura dos convenios das subvencións nominativas con 26 entidades sociais, que recibirán 286.000 euros, cun anticipo do 80 %, fronte ao 50 % habitual
Sinatura-Convenio-2-axudas-entidades-sociais
23 Sep 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Política Social e Maiores, Gustavo Díaz, asinaron hoxe os convenios das subvencións nominativas destinadas ás entidades sociais do municipio, nun encontro no que tamén se lles trasladaron os cambios introducidos este ano na xestión destas axudas

En total, son 26 entidades do ámbito social as que reciben estas subvencións, que supoñen 286.000 €, e que se destinan a apoiar o traballo que desenvolven ao longo do ano con diferentes colectivos da cidade.

A principal novidade deste exercicio é o adianto do momento no que as entidades reciben o anticipo da subvención. Co Goberno anterior, este primeiro pagamento producíase habitualmente no mes de decembro. Este ano, o Concello adianta a súa recepción para que as entidades poidan dispoñer dos fondos con maior antelación.

Ademais, o anticipo pasa do 50 % ao 80 % do importe da subvención, respondendo así a unha demanda trasladada polas propias entidades, que reclamaban contar con maior dispoñibilidade económica durante o exercicio para afrontar os gastos vinculados aos seus programas e servizos.

Aproveitando o encontro coas entidades sociais, Elena Candia anunciou tamén a próxima convocatoria das axudas de concorrencia competitiva, que contará con importantes novidades respecto do actual sistema.

A primeira é o incremento da dotación económica, que pasará de 38.000 a 76.000 euros, duplicando así os recursos destinados a esta convocatoria.

A segunda das modificacións máis relevantes é que poderán concorrer a estas axudas aquelas entidades que xa perciban unha subvención nominativa do Concello, algo que ata o de agora non era posible.

Deste xeito, as entidades que reciben financiamento nominativo poderán tamén optar a estas axudas para desenvolver programas específicos, de acordo cos requisitos que se establezan nas novas bases.

A alcaldesa concluía afirmando que “as entidades sociais fan un traballo fundamental acompañando a moitas persoas e familias de Lugo durante todo o ano. Para nós era importante escoitar as súas necesidades e introducir cambios que lles permitan dispoñer dos recursos con maior antelación e organizar mellor o seu traballo. Unha subvención nominativa permite apoiar o traballo que as entidades desenvolven ao longo do ano e a concorrencia competitiva permitirá apoiar proxectos concretos. Queremos ampliar así as posibilidades de colaboración e que os recursos públicos poidan chegar a máis programas e necesidades”.

0.15343904495239