Convocan este xoves en Lugo unha concentración para reclamar «solucións humanas» ante a situación de Ceuta

LugoXa
A mobilización, convocada por iniciativa cidadá, terá lugar ás 20:30 horas diante do Concello e conta co apoio de varias organizacións sociais da cidade
concentracion-ceuta
16 Sep 2026

Unha concentración cidadá está convocada para este xoves, 17 de setembro, ás 20:30 horas diante do Concello de Lugo baixo o lema Solucións humanas en Ceuta. O racismo nunca é a resposta. A iniciativa xorde dun encontro de persoas da cidade preocupadas pola situación en Ceuta e conta co apoio de varias organizacións sociais, aínda que non existe unha entidade convocante como tal.

As persoas promotoras explican que a mobilización pretende expresar a súa preocupación pola xestión da situación en Ceuta, mostrar a súa solidariedade co conxunto das persoas que se atopan alí e reclamar respostas que, segundo sinalan, estean baseadas nos Dereitos Humanos e teñan a empatía como elemento central.

No manifesto da convocatoria recoñécese a complexidade da situación en Ceuta, pero critícase o que os promotores consideran unha resposta administrativa ineficaz e tardía. Segundo indican, centos de persoas migrantes e tamén parte da poboación ceutí continúan á espera de solucións, nun contexto que, ao seu xuízo, está a favorecer a difusión de discursos racistas.

Os promotores alertan tamén sobre episodios de violencia contra persoas migrantes e mencionan o caso de Hamza, residente en España desde hai 20 anos, que, segundo o comunicado, sufriu a semana pasada unha agresión en Murcia na que recibiu un botellazo na cabeza acompañado de insultos relacionados coa situación de Ceuta e Melilla.

A convocatoria sinala igualmente o papel da solidariedade da poboación de Ceuta durante a crise. Segundo os seus impulsores, persoas voluntarias, activistas e entidades sociais proporcionaron alimento, aloxamento e axuda ás persoas migrantes.

O manifesto tamén aborda as causas da migración forzosa e reclama que se teñan en conta as súas raíces, entre elas as guerras e outras situacións que obrigan as persoas a abandonar os seus lugares de orixe. Ao mesmo tempo, cuestiona as políticas de control fronteirizo e defende que as persoas migrantes non deben ser consideradas responsables das actuacións das autoridades.

Entre as demandas da convocatoria figuran a adopción de medidas eficaces por parte do Estado e das administracións para garantir unha acollida acorde co Dereito Internacional e facilitar que a poboación de Ceuta poida recuperar a súa vida cotiá. Tamén reclaman medidas de protección ante os episodios de violencia que, segundo denuncian, están a sufrir persoas migrantes, traballadoras do ámbito social e activistas.

Ata a tarde do 15 de setembro, a concentración contaba co apoio de Aliad-Ultreia, o CS A Hedreira, a Plataforma Feminista de Lugo, o Foro pola Memoria de Galicia, A Revolta das Mulleres na Igrexa, a Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC), a Asociación Cidadá Agra dos Castros, Axunica (Asociación de Axuda a Nicaragua) e Avante LGBT+

0.16241192817688