Convocan o concurso para elixir o cartel do Arde Lucus 2026 polo seu XXV aniversario

LugoXa
O certame conta cun premio único de 1.900 euros e busca deseños que reflictan o espírito romano e castrexo da festa
presentacion-programa-arde-lucus
16 Feb 2026

O Concello de Lugo levará este mércores á Xunta de Goberno Local a aprobación das bases reguladoras do Premio de Deseño Gráfico Arde Lucus 2026, un concurso destinado a seleccionar o cartel anunciador da próxima edición da festa de recreación histórica, que celebrará o seu XXV aniversario.

A convocatoria establece un premio único de 1.900 euros para o deseño gañador, que se converterá na imaxe oficial do Arde Lucus 2026. Poderá participar toda a poboación con obras de formato A3 e técnica libre, presentando cantos traballos considere oportunos, sempre que se trate de creacións orixinais, inéditas e de autoría propia.

Os deseños deberán reflectir o espírito da festa, facendo fincapé na reconstrución histórica e na volta da cidade ás súas orixes, visualizando obrigatoriamente o mundo romano e castrexo, coa cor vermella como dominante. Ademais, o cartel terá que incluír o texto Arde Lucus MMXXVI, a mención a Festa de Interese Turístico Internacional, a páxina web www.ardelucus.com
e as datas de celebración, que serán do 18 ao 21 de xuño.

Como elemento específico desta edición, ao celebrarse o XXV aniversario da festa, os carteis deberán incorporar obrigatoriamente a lenda ANNVS ARGENTEVS en referencia ao aniversario de prata.

O prazo de presentación das propostas abrirase ao día seguinte da publicación oficial no Boletín Oficial da Provincia e permanecerá aberto ata o 27 de marzo de 2026. Os traballos deberán presentarse de forma anónima no Rexistro Xeral do Concello de Lugo. Unha vez pechado o prazo, as obras serán expostas na Casa da Xuventude durante un mes.

A elección do cartel gañador correrá a cargo dun xurado experto integrado por profesionais da ilustración, deseño gráfico, cultura, ámbito académico e patrimonio, que valorará composición estética, creatividade, claridade da mensaxe visual e coidado nos acabados. A resolución do concurso darase a coñecer o 9 de abril de 2026, ás 13.00 horas, na Casa da Xuventude.

O edil de Xuventude, Jorge Bustos, destacou que esta convocatoria é unha oportunidade para que creadoras e creadores deixen a súa pegada nun evento con proxección internacional, e subliñou que o cartel “debe ser capaz de transmitir a esencia do Arde Lucus e a importancia simbólica dunha edición tan especial”.

Segundo destacou Jorge Bustos, “o cartel do Arde Lucus é unha peza clave da identidade da festa e unha magnífica plataforma de visibilidade para artistas e deseñadores”.

⚙ Configurar cookies
0.08248496055603