Coordinan o dispositivo de seguridade para a 4ª etapa da Vuelta Femenina 2026

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Forzas e corpos de seguridade, emerxencias e organización planifican o operativo para unha etapa de 115 quilómetros que se celebrará o 6 de maio
dispositivo-de-seguridade-cuarta-etapa-Vuelta-Femenina-2026
29 Apr 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu a Xunta de Seguridade na que se coordinou o dispositivo especial que se despregará con motivo da 4ª etapa de “La Vuelta Femenina 2026”, que transcorrerá entre Monforte de Lemos e Antas de Ulla. O encontro serviu para pechar a planificación dun operativo centrado en garantir o desenvolvemento seguro da proba deportiva e a correcta mobilidade ao longo do percorrido.

O dispositivo contará coa participación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que se encargarán da regulación do tráfico, dos cortes puntuais de circulación e do acompañamento da carreira. Segundo destacou a subdelegada, o obxectivo é asegurar que a proba se desenvolva con normalidade e sen incidencias, nun evento de elevada complexidade pola súa natureza en estrada e polo seu percorrido por diferentes tipos de vías.

Na reunión participaron representantes da Garda Civil de Tráfico, Garda Civil, Dirección Xeral de Tráfico, Policía Nacional, Consorcio de Bombeiros, Protección Civil, policías locais e técnicos da organización da proba. A coordinación entre todos estes organismos considérase clave para garantir tanto a seguridade das ciclistas como a do público ao longo de todo o itinerario.

A etapa, prevista para o 6 de maio, contará cun percorrido duns 115 quilómetros entre Monforte de Lemos e Antas de Ulla, con saída ás 14:18 horas e chegada estimada entre as 17:07 e as 17:25 horas. O trazado atravesará os concellos de Monforte de Lemos, Bóveda, O Incio, Sarria, Paradela, Portomarín, Guntín, Taboada, Monterroso e Antas de Ulla.

Segundo se abordou na Xunta de Seguridade, trátase dunha proba dinámica en estrada que require unha planificación exhaustiva dos dispositivos de seguridade e tráfico ao longo de todo o itinerario. “La Vuelta Femenina”, creada en 2015, consolidouse como unha das probas por etapas máis importantes do calendario feminino World Tour, e esta será a última etapa en territorio galego, incluíndo dous portos de montaña decisivos para a clasificación.

A subdelegada subliñou a importancia da coordinación entre administracións e corpos de seguridade para garantir o correcto desenvolvemento dun evento desta magnitude, asegurando ao mesmo tempo a seguridade viaria e a mobilidade da cidadanía.

0.13459396362305