Coordinan o dispositivo de seguridade para a sexta Ancares Cycling Marathon

LugoXa
A proba celebrarase o 9 de agosto con dous percorridos renovados polos municipios de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá, Navia de Suarna e Cervantes
dispositivo-seguridade-do-Ancares-Cycling-Marathon-26
27 Jul 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu na Subdelegación do Goberno a xuntanza de coordinación do dispositivo de seguridade da sexta edición da Ancares Cycling Marathon, que se disputará o vindeiro 9 de agosto. O encontro serviu para planificar o operativo que garantirá o desenvolvemento da proba e a seguridade tanto dos participantes como do público asistente.

Durante a reunión analizáronse os aspectos organizativos dunha competición que nesta edición contará con dous percorridos completamente renovados. Os participantes poderán elixir entre unha ruta de gran fondo, de 125,12 quilómetros e un desnivel acumulado de 3.218 metros, e outra de medio fondo, de 68 quilómetros e 1.928 metros de desnivel.

Olimpia López destacou a importancia de asegurar "a máxima seguridade" durante a celebración do evento e puxo en valor a coordinación entre as distintas administracións e organismos implicados, que considerou fundamental para o correcto desenvolvemento dunha proba destas características.

Na xuntanza insistíuse tamén na necesidade de que participantes e público respecten as indicacións das forzas e corpos de seguridade, así como a sinalización habilitada ao longo do percorrido, co fin de minimizar riscos e facilitar o normal desenvolvemento da competición.

A Ancares Cycling Marathon disputarase no corazón do Parque Natural dos Ancares, cun trazado que atravesará os municipios de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá, Navia de Suarna e Cervantes, o que fai necesaria unha coordinación especial entre todas as administracións implicadas.

Na reunión participaron representantes da Xefatura Provincial de Tráfico, Policía Nacional, Garda Civil, Subsector de Tráfico, Deputación Provincial, dos concellos polos que discorre a proba, do Club Ciclista Cidade de Lugo, organizador da marcha, e da Federación Lucense de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.

O dispositivo especial de seguridade contará cun despregamento coordinado de efectivos ao longo de todo o percorrido, con especial atención aos puntos nos que se prevé unha maior concentración de público.

0.12988710403442