Creadoras lucenses protagonizan dúas proxeccións de documentais no marco dos Mestre Mateo

LugoXa
As sesións, no Auditorio do Vello Cárcere, poñen en valor o talento audiovisual feminino da provincia de Lugo
presentación-Mestre-Mateo-Concello-de-Lugo
9 Feb 2026

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou a celebración de dúas proxeccións de documentais dirixidos por mulleres da provincia de Lugo, unha iniciativa concibida como antesala dos Premios Mestre Mateo e que tamén se enmarca na programación do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

A responsable municipal salientou que estas citas buscan recoñecer e visibilizar o talento das creadoras audiovisuais lucenses, ao tempo que ofrecen ao público a oportunidade de achegarse a obras que afondan na memoria, reflexionan sobre a identidade e dan protagonismo ás mulleres e ás súas historias.

A primeira das proxeccións celebrarase o 24 de febreiro ás 19.30 horas no Auditorio do Vello Cárcere, onde se exhibirá o documental “Alén dos silencios”, unha obra dirixida e escrita por Carmen P.G. Granxeiro, con Ana Real Castelo.

A segunda sesión terá lugar o 7 de marzo ás 20.00 horas, tamén no Auditorio do Vello Cárcere, coa proxección de “Pura”, dirixido por Carmen Méndez, que asina igualmente a produción e a cámara, xunto con Suso Méndez na produción e Eloy Domínguez Serén na montaxe.

Ambas proxeccións estarán abertas ao público ata completar aforo e contarán coa presenza das súas directoras, que participarán nun coloquio posterior co público.

⚙ Configurar cookies
0.081279039382935