Crean unha comisión de seguimento do convenio entre Deputación e Concello de Becerreá para abrir a residencia

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presidiu na Sala de Xuntas da institución provincial a constitución da comisión de seguimento do convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación e o Concello de Becerreá para a construción e posta en marcha do Centro de Atención a Maiores (CAM) do municipio.
Na reunión participou o alcalde de Becerreá, Manolo Martínez, así como persoal técnico e xurídico de ambas administracións. O encontro serviu para analizar a situación actual do proxecto, avaliar os traballos realizados ata o momento e coordinar as actuacións necesarias para avanzar cara á apertura do centro.
Durante a xuntanza, Carmela López anunciou que elevará á próxima Xunta de Goberno a licitación do equipamento das instalacións, que incluirá camas, cortinaxe, mobiliario xeral, equipamento médico, servizos de lavandaría e sinalización. Segundo explicou, esta actuación permitirá continuar coa preparación das dependencias para a súa futura entrada en funcionamento dentro dun proceso que cualificou de complexo.
A comisión revisou tamén o estado de execución do proxecto e constatou que as obras principais do Centro de Atención a Maiores xa están rematadas e recepcionadas. Ademais, abordáronse os traballos que aínda quedan pendentes para completar a súa posta en marcha, entre os que figuran actuacións complementarias no inmoble, a tramitación do centro de transformación eléctrica, a execución das obras da cociña, a instalación do equipamento e mobiliario e a tramitación dos expedientes administrativos necesarios para a futura xestión do servizo.
Os representantes das dúas administracións acordaron seguir impulsando estas actuacións co obxectivo de que o centro poida abrir as súas portas unha vez estea totalmente finalizado, equipado e preparado para prestar atención ás persoas maiores da comarca.
A comisión creada este mércores ten como finalidade garantir a coordinación permanente entre a Deputación e o Concello, así como realizar un seguimento continuado da evolución do proxecto para favorecer a colaboración institucional e acelerar as actuacións pendentes ata a súa culminación.
A Deputación lembrou que durante os últimos anos desenvolveu unha intensa actividade administrativa, técnica e xurídica para facer posible a apertura do centro. Desde a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Becerreá en 2016, a institución provincial impulsou os procedementos necesarios para avanzar na construción das instalacións, definir o modelo de xestión, aprobar o réxime xurídico do servizo, elaborar a memoria económica e financeira, desenvolver os procesos de información pública e preparar a futura licitación do servizo.