Cruce de acusacións pola non celebración do pleno de xaneiro en Viveiro
O PP de Viveiro vén de criticar a alcaldesa, María Loureiro, por non convocar o Pleno do mes de xaneiro "pese a que se queixa con moita frecuencia de que nas ordes do día dos plenos hai moitos asuntos e, polo tanto, as reunións duran moito".
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, recorda que no réxime de sesións plenarias establecido no Concello figura que haberá unha ordinaria cada mes, salvo en agosto. Rodríguez critica que a alcaldesa non convocara Pleno en xaneiro. E, a maiores, censura á presidenta da corporación que non dera unha explicación convincente do porque de tal carencia.
En todo caso, os populares consideran que a non celebración da sesión deixa de manifesto o déficit de xestión do equipo de goberno que preside María Loureiro, e, como consecuencia, os problemas que se xeran para os veciños a causa da dilación no tempo da toma de decisións.
Pola súa banda, o portavoz do Concello, Jesús Fernández, declarou que se puxo en contacto cos voceiros dos diferentes grupos da corporación para explicarlles que non había Pleno en xaneiro pola coincidencia coas festas de Nadal e porque non había temas urxentes. De feito, agora o PP presenta cinco mocións que se levan ao seguinte pleno.
Ademais, tiveron varias comisións informativas e xunta de portavoces, "e ninguén dixo nada ao respecto". "O que quere o PP é tratar de enmarañar a vida política, porque sempre se lles pasa toda a información que piden, hai transparencia total. Están danando a imaxe política de Viveiro, hai formas e maneiras de facer as cousas. Parece extraño que salgan agora con isto cando temos o mércores o Pleno de febreiro", di Fernández.