Cruz Vermella achega ao alumnado migrante de Albeiros información sobre os trámites de residencia e nacionalidade

O alumnado do EPAPU de Albeiros, en Lugo, participou esta tarde nunha charla informativa sobre os procedementos administrativos que afectan as persoas migrantes en España. A sesión, impartida pola avogada de Cruz Vermella en Lugo, María Luisa Núñez, reuniu un numeroso grupo de asistentes interesados en coñecer as opcións dispoñibles para regularizar a súa situación e avanzar nos seus proxectos de vida.
Baixo o título 'Máis que papeis', a actividade abordou cuestións fundamentais como os procesos de regularización, as condicións e os requisitos para obter unha autorización de residencia, os trámites para conseguir un permiso de traballo e as vías de acceso á nacionalidade española.
A charla permitiu achegar información xurídica de utilidade ao alumnado e aclarar cuestións relacionadas cos trámites administrativos que poden condicionar a situación persoal e as perspectivas de futuro das persoas migrantes. A sesión tamén puxo de relevo a importancia de contar con orientación especializada para comprender os procedementos, coñecer as distintas alternativas e afrontar as xestións con maiores garantías.
Con esta iniciativa, Cruz Vermella reforza o seu labor de acompañamento ás persoas migrantes e o seu compromiso coa inclusión social e a igualdade de oportunidades. O acceso á información e ao asesoramento constitúe unha ferramenta fundamental para favorecer a autonomía das persoas e facilitar que poidan desenvolver os seus proxectos persoais e profesionais.