Cruz Vermella distinguirá ao profesor guitiricense Víctor Pollán coa Medalla de Prata á Acción Voluntaria

Cruz Vermella distinguiu ao voluntario lucense Víctor Pollán coa Medalla de Prata á Acción Voluntaria, un dos máximos recoñecementos que a Organización concede ás persoas que destacan polo seu compromiso, dedicación e traxectoria ao servizo dos demais.
Profesor de Matemáticas xa xubilado do Instituto de Educación Secundaria de Guitiriz, Víctor Pollán leva máis dunha década colaborando como voluntario de Cruz Vermella. Iniciou a súa actividade no ano 2013 participando en proxectos de apoio escolar dirixidos a nenos e nenas, así como impartindo clases de español para persoas migrantes e refuxiadas.
Ao longo destes anos puxo a súa experiencia docente ao servizo de diferentes proxectos sociais, converténdose nunha figura moi querida tanto polas persoas participantes como polo resto do voluntariado da Organización.
Entre as iniciativas que desenvolve actualmente destaca “Matemáticas Divertidas”, unha actividade creada e impulsada por el mesmo dentro dos programas dirixidos a persoas maiores. O proxecto utiliza xogos e exercicios matemáticos como ferramenta para estimular as capacidades cognitivas, favorecer o envellecemento activo e promover as relacións sociais entre as persoas participantes.
Ademais, participa no servizo de acompañamento telefónico a persoas maiores en situación de soidade non desexada, ofrecendo escoita, apoio emocional e seguimento a quen máis o necesita.
A concesión desta Medalla de Prata supón un recoñecemento a unha traxectoria marcada pola solidariedade, a xenerosidade e o compromiso cos principios humanitarios de Cruz Vermella. O seu labor demostra como a experiencia, o coñecemento e o tempo compartido poden converterse nunha ferramenta de transformación social e de mellora da calidade de vida de moitas persoas.
Con este recoñecemento, Cruz Vermella quere agradecer publicamente a dedicación de Víctor Pollán e poñer en valor o papel fundamental que desempeñan os miles de persoas voluntarias que fan posible a acción diaria da Organización.