Dani Vidal, Raúl Hernández e Guille Perero despídense do Club Deportivo Lugo

O Club Deportivo Lugo comunicou que Dani Vidal, Raúl Hernández e Guille Perero non continuarán formando parte do primeiro equipo a vindeira tempada. Trátase de tres nomes que deixan pegada no vestiario e na afección tras un ano de entrega ás cores albivermellas.
Dani Vidal, natural de Lugo, estivo vinculado ao club durante máis de dez anos, desde que chegou no ano 2013 como xogador infantil. Ao longo da súa traxectoria viviu dúas etapas fóra da casa, defendendo ao Coruxo FC, aínda que sempre mantivo o seu vencello e sentimento polo club que o viu medrar. Nesta última tempada cumpriu o soño de formar parte do primeiro equipo, disputando un total de 30 partidos oficiais e portando o brazalete de capitán en numerosas ocasións, amosando carácter, compromiso e liderado. Dani foi un reflexo dos valores do CD Lugo: esforzo, humildade, compromiso e sentido de pertenza.
Raúl Hernández, pola súa banda, chegou ao Anxo Carro o pasado verán e converteuse nunha peza importante dentro do equipo. O dianteiro madrileño disputou un total de 32 encontros oficiais, superando os 2.000 minutos de xogo, nos que achegou dous goles e catro asistencias. A súa constancia e profesionalidade foron valoradas polo club e pola afección.
En canto a Guille Perero, destacan a súa etapa no club, na que o atacante participou en 32 encontros oficiais, sumando 2 goles e 4 asistencias entre todas as competicións. A pesar de levar só unha tempada en Lugo, deixou pegada polo seu traballo constante, a súa entrega diaria e o seu compromiso coa camiseta albivermella, gañándose o respecto do vestiario e o cariño da afección.
Guille Perero continuará o seu proceso de recuperación xunto aos servizos médicos do club durante as vindeiras semanas, unha vez rematada a súa vinculación contractual coa entidade. Tras a súa intervención cirúrxica na recta final da tempada, Guille seguiu un tratamento supervisado polo equipo médico do CD Lugo, co que manterá o seguimento e o traballo de rehabilitación nesta fase do proceso.
Desde o CD Lugo queren agradecerlles aos tres xogadores o seu traballo e dedicación durante a súa etapa no equipo e deséxanlles o maior dos éxitos tanto no profesional como no persoal.
No caso de Raúl Hernández, o seu futuro xa está definido: converteuse na primeira fichaxe da historia do Real Avilés Industrial en Primeira RFEF para a tempada 2025/26, cun contrato que contempla a posibilidade de ampliación por unha campaña máis.