Daniel Vega pide solucionar o problema do ascensor do Ceip Gregorio Sanz de Ribadeo
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, esixe que o goberno local solucione o problema do contrato de mantemento para o ascensor do Ceip Gregorio Sanz. Aclara así o popular que “é o goberno local, xa que o Concello é o propietario do edificio, o que ten que facer unha modificación do contrato de mantemento porque antes o centro xa dispoñía dun montacargas. Só é un trámite o que ten que facer o goberno de Fernando Suárez”, puntualiza.
Daniel Vega asegura que “o goberno local si que tiña coñecemento destas obras porque foi informado en agosto tanto pola dirección do centro coma pola Xunta”. Polo tanto, o voceiro popular pregúntase se “os que estaban de vacacións non se enteraban de que chegan papeis ao Concello”. É máis, Vega explica que “dentro do Consello Escolar hai un representante do BNG no goberno local que tiña coñecemento destas obras. É vergoñenta a súa actitude”, engade.
O goberno local debería sumar e non poñer trabas burocráticas
Vega lamenta que “unha vez máis o goberno local do BNG poña tantos paus nas rodas” en relación ás inversións do Goberno galego para Ribadeo cando “o que tiñan que facer é axudar, sumar, e non poñer trabas ao que xestiona o noso grupo”.
O voceiro do Grupo Municipal Popular amosa a súa solidariedade coa dirección do centro, a ANPA e tódolos pais ante o que considera “un acto vergoñento e desleal do goberno municipal cos ribadenses” porque “é responsabilidade do goberno local que esta instalación que conta cunha inversión tan importante non estea a funcionar”.
Traballo conxunto en beneficio de Ribadeo
Vega explica que esta actuación no colexio público ribadense foi froito dun traballo conxunto coa dirección do centro e a ANPA A Faxarda. Así, “deuse prioridade ás obras máis necesarios coma esta ou a mellora da canalización dos baños de infantil e do teito do edificio dentro da reforma integral do colexio público que defendemos”. As obras xa realizadas cun orzamento de preto de 40.000 euros acreditan que “estamos xestionando orzamento para Ribadeo”.