David Fiuza será nomeado novo director da Banda de Música de Lugo
A Xunta de Goberno local levará este mércores para a súa aprobación o nomeamento do novo director da Banda de Música de Lugo, David Fiuza Souto, tras o proceso selectivo que activou e desenvolveu a área de Gobernanza.
Segundo sostén a concelleira responsable, Paula Alvarellos, “con esta aprobación finalizamos un proceso que puxemos en marcha co fin de permitir consolidar tanto a Banda Municipal como a Escola de Música, que era un dos obxectivos da área de persoal que fixamos coa alcaldesa, compromiso que adquiriu cos traballadores e coa veciñanza lucense”.
Tamén neste impulso que se lle está a dar á banda, incide Alvarellos, se acaba de publicar o listado provisional das bolsas de emprego para varios postos de músicos para a banda, que se poden consultar na web do Concello de Lugo.
As bolsas son das seguintes categorías profesionais: músico na especialidade de bombardino tuba, flauta, fagot, gaita, percusión, saxofón, trompa e trompeta. As persoas interesadas teñen dez días para subsanar ou formular alegacións sobre os datos contidos nas mesmas.