David González, da Escola de Karate Dajankai, seleccionado como árbitro internacional para o Europeo Universitario de Tirana

GaliciaXa | LugoXa
O colexiado lucense formará parte do equipo arbitral do European Universities Combat Championships Tirana 2026, que se celebrará do 8 ao 11 de setembro
David-González-Vázquez-Escola-de-Karate-Dajankai-Lugo
7 Sep 2026

A Escola de Karate Dajankai de Lugo está de celebración pola nova convocatoria internacional do seu director técnico e sensei, David González, que foi seleccionado como árbitro para o European Universities Combat Championships Tirana 2026, organizado pola EUSA (European University Sports Association).

O campionato continental terá lugar na capital de Albania, Tirana, do 8 ao 11 de setembro, e reunirá deportistas universitarios procedentes de diferentes países europeos. David González formará parte do equipo arbitral designado pola organización para esta competición.

O colexiado lucense conta coa condición de Árbitro Europeo e Xuíz Mundial de Karate, unha traxectoria que lle permitiu participar en competicións de alto nivel e que agora lle abre as portas a unha nova cita internacional no calendario do deporte universitario europeo.

A súa designación supón tamén un recoñecemento á súa experiencia e preparación no ámbito do arbitraxe, ademais de representar un motivo de orgullo para a Escola de Karate Dajankai, o seu alumnado e o deporte lucense.

David González acudirá á competición representando á Federación Galega de Karate e DA, á Real Federación Española de Karate e DA e ao deporte galego, afrontando esta nova experiencia internacional coa intención de manter o nivel de rigor e esixencia que caracteriza o seu labor arbitral.

"Para min é unha gran responsabilidade e un orgullo levar o nome de Lugo, de Galicia e da nosa Escola a un campionato europeo destas características, formando parte do equipo arbitral seleccionado pola EUSA", sinalou David González tras coñecer a súa convocatoria.

Esta nova designación consolida a presenza do colexiado galego nos grandes eventos deportivos do continente e supón un paso máis na súa carreira arbitral. Ao mesmo tempo, a participación en Tirana representa unha nova oportunidade para continuar coa súa preparación e avanzar no camiño cara á súa proxección como futuro Árbitro Mundial.

0.16878604888916