David Lariño conquista o I Open Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos de Lugo

O Gran Mestre galego David Lariño proclamouse este domingo campión do I Open Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos, celebrado en Lugo, tras pechar invicto un torneo que converteu a cidade durante toda a semana nun dos principais referentes do xadrez internacional.
Lariño certificou o triunfo na novena e última rolda ao asinar táboas fronte ao Gran Mestre letón Ilmars Starostits, un resultado que lle permitiu rematar en solitario no máis alto da clasificación cun total de 7,5 puntos.
A loita polos primeiros postos mantívose aberta ata o final. O Gran Mestre búlgaro Vladimir Petkov asegurou a segunda posición con sete puntos tras empatar co galego David Cernadas, mentres que o Mestre Internacional cubano Roberto Carlos Gómez Ledo completou o podio cunha puntuación de 6,5 puntos, favorecido polos desempates. O Gran Mestre indio Raja Harshit concluíu cuarto coa mesma puntuación.
Un dos nomes propios do campionato foi o do mozo galego Eduardo Cabanas López. O xadrecista asinou unha destacada actuación durante toda a competición e pechou o torneo cun empate fronte ao Mestre FIDE Pablo López Varela, un resultado que lle permitiu finalizar na quinta posición da clasificación xeral, igualado a 6,5 puntos con varios mestres internacionais e converténdose na gran revelación desta primeira edición.
O torneo tamén deixou unha boa participación dos xogadores lucenses e galegos, que tiveron a oportunidade de competir fronte a algúns dos mellores xadrecistas do panorama internacional nun evento que reuniu grandes mestres, mestres internacionais e mestres FIDE procedentes de diferentes países.
A entrega de premios puxo o punto final a nove días de competición organizados pola Escola Luguesa de Xadrez con motivo do seu 30 aniversario. A primeira edición do Open Internacional Fuxan os Ventos pecha cun balance positivo tanto pola participación como polo nivel deportivo exhibido, consolidándose como unha nova cita de referencia no calendario do xadrez no noroeste peninsular.