David Páez, director sarriao da canteira do CD Lugo: “Queremos que a identidade colectiva e o sentimento de pertenza sexan as claves”

LugoXa | SarriaXa
David Páez é o novo director da canteira do Club Deportivo Lugo para a tempada 2024-2025
David-Páez
11 Ago 2024

De onde vén o seu amor polo fútbol?

Vén desde moi novo, xa que empecei a xogar na SD Sarriana no fútbol base e a crear equipos cando tiña 16 anos ao ir a torneos cos meus amigos. Como os meus pais tiñan unha empresa, pedíalles patrocinio e iamos competindo por diferentes torneos durante os veráns. Cando marchei a Santiago a estudar á Universidade, con 18 anos, saquei o carné de adestrador nivel 1, aos 19 o carné nivel 2 e aos 20 o nivel 3, sendo o  adestrador máis novo de España a nivel de adestrador nacional.

Podería resumir a súa traxectoria ligada ao fútbol?

Empecei con 20 anos levando os cadetes da Sarriana e, con eles, conseguimos gañar a Copa Deputación. Ao ano seguinte, estiven cos xuvenís da Sarriana, cos que conseguimos proclamarnos Campións de Lliga e ascendemos a Liga Galega Xuvenil. Ao ano seguinte marchei ao Rácing Vilalbés, onde conseguimos o 3º posto cos cadetes na Liga Galega, e, ao seguinte ano, adestrei aos xuvenís da Liga Galega e o terceiro ano no club estiven cos do equipo afeccionado, cos que ascendemos a Rexional Preferente.

Despois do Vilalbés, marchei ao Calasancio de Monforte, onde fun 3 anos director deportivo liderando a 13 equipos desde a categoría prebenxamín ata os de Liga Nacional. Despois, estiven no Club Deportivo da Coruña, levando os cadetes de División de Honor, e tamén os xuvenís División de Honor.

Logo, marchei a Écija, en Andalucía, e despois marchei á China cun proxecto vinculado á liga de fútbol profesional. De volta, ofrecéronme ser adestrador na Selección Galega e alí estiven durante 5 tempadas, ata que firmei agora no Club Deportivo Lugo. Desa etapa, cabe destacar que estiven na sub-14, onde quedamos entre os catro mellores; e na sub-16, coa que conseguimos o Campionato de España. Este ano, rematamos como Campións na Fase Prata. Ademais, á vez que estaba na Federación, adestrei en 3ª división ao Viveiro, ao Alondras e ao Estradense.

Como afronta agora o cargo de director da canteira do Club Deportivo Lugo?

Sendo de Lugo, con moita ilusión, porque en Lugo hai moi bos xogadores e adestradores, polo que queremos sacar o máximo potencial dos xogadores da provincia de Lugo, que ten moita materia prima, é dicir, xogadores cun gran potencial. Polo tanto, asumo esta responsabilidade con responsabilidade e gañas.

Podería explicar en que consiste o posto de director de canteira?

Consiste en planificar a estrutura a nivel de fútbol base desde o filial ata os equipos máis pequenos, que en total son nove: o Filial, o xuvenil A e o B, o cadete A e o B, o Infantil A e o B, o Alevín A e o B. Hai que xestionar todo o que ten que ver co contexto deses equipos, os adestradores, as altas e as baixas e representar ao Club da mellor forma posible; así como ter controlados a todos os xogadores da contorna de Lugo e da provincia e ter, dentro de Galicia, unha das mellores das canteiras.

Tendo en conta a súa experiencia na federación, aproveitará para recomendar algunha das fichaxes?

Os meus cinco anos na Federación Galega permiten ter un coñecemento do panorama galego con respecto aos xogadores pero xa se irá vendo que se pode levar a cabo de incorporacións. Queremos priorizar o produto de Lugo e o galego, intentando galeguizar a canteira do Lugo, e se pode ser da contorna moito mellor.

Na súa presentación asegurou que quere recuperar as categorías perdidas, en cales poría o foco?

Obviamente, o xuvenil A e o B, xa que este ano se perdeu a categoría de Honor, descenderon, pero a categoría de Honor Xuvenil non se pode perder; entón intentaremos recuperala.

Tamén dixo que a intención é formar xogadores para que cheguen canto antes ao primeiro equipo, por que é necesario apostar polo fútbol base?

Tal como está a día de hoxe o fútbol, é moi impotente priorizar as estruturas de fútbol base do club, porque dá rendementos máis próximos ao coñecer o contexto do club e son xogadores que pertencen ao club e con moito cariño fóronse coidando, polo que queremos que cheguen ao primeiro equipo. Ter xogadores da zona é un privilexio.

Que significa que os adestradores estean a xornada completa para profesionalizar o club?

Nós cremos que aos adestradores, para que teñan un rendemento óptimo, hai que darlles condicións laborais estables, polo que os adestradores deben estar vinculados a xornada completa para que se sintan valorados e pertenzan unicamente á estrutura profesional do club. Así, desde todas as categorías ten que haber esa profesionalización dos corpos técnicos.

Cales son as súas expectativas de cara a esta tempada?

Nós intentaremos competir ao máximo en todas as categorías mentres que formamos xogadores para que cheguen o mellor posible ao primeiro equipo. Por iso, apostamos por compatibilizar o feito de competir para manter as categorías e conseguilas co feito de formar, xa que o filial está no organigrama e queremos que compita da mellor maneira posible co obxectivo de manter a categoría e que os xogadores pasen ao primeiro equipo. Son etapas de formación e rendemento, xa que é importante esa formación previa de xogadores para chegar a fútbol profesional.

Por outra parte, queremos devolver o Xuvenil a División de Honor. Queremos ter esa sinerxia entre todos os equipos para conseguir obxectivos deportivos e persoais, co fin de crear deportistas.

Estar no Lugo era un soño que se cumpriu?

Ao ser unha persoa de aquí, loxicamente sempre che gusta traballar na túa terra. Ademais, eu sempre fun do CD Lugo e para min é un privilexio traballar no club o cal sentes as cores.  Estiven moitos anos fóra, e iso faite valorar moito máis o estar na casa, así que sen dúbida é un soño cumprido formar parte deste gran club.

Sarriao de nacemento, leva Sarria alí onde vai?

Si, eu sempre digo que ser do pobo do que é un, non se pode ocultar. Eu son de Sarria e estou moi contento, e sempre intentei poñer a Sarria no panorama futbolístico galego e español, polo que para min é un orgullo. Porque empecei na Sarriana, onde fun xogador do fútbol base e logo empecei a adestrar equipos desde moi novo porque tiña claro que quería ser adestrador, pero todo comezou na Sarriana, o punto de partida foi aí..

0.10885286331177