David Rubal logra o bronce na Liga Nacional Máster de kárate en Córdoba

A Escola Deportiva Shihan continúa sumando éxitos deportivos. Esta fin de semana, o club desprazouse ata Córdoba para participar na Liga Nacional Máster de kárate, disputada este domingo, onde David Rubal Bran conseguiu a medalla de bronce na modalidade de kata Máster 2.
O resultado supón un fito para o deportista, que acadou así a súa primeira medalla nunha competición nacional. Rubal logrou o podio tras superar o número dous da competición e cabeza de serie da súa quenda, un triunfo que lle permitiu confirmar o bo traballo realizado sobre o tatami.
Desde a Escola Deportiva Shihan amosaron o seu orgullo polo rendemento do seu representante e destacaron que este resultado serve de motivación para continuar mellorando nos adestramentos de kárate para adultos. O obxectivo é repetir presenza no podio nas vindeiras competicións e seguir avanzando postos na clasificación.