Davide Salvado presenta “Luz do sol”, primeiro adianto do seu novo disco “Permita deus”

GaliciaXa | LugoXa
O lugar de Liúlfe, en Palas de Rei, inspira un traballo íntimo e pausado nacido do silencio e da conexión coa terra
Davide-Salgado
9 May 2026

O artista galego Davide Salvado, natural de Marín e afincado actualmente en Palas de Rei, inicia unha nova etapa musical coa presentación de “Luz do sol”, o primeiro adianto do seu novo traballo discográfico, Permita deus, que verá a luz ao longo do mes de maio tras un longo proceso de creación persoal.

O novo disco nace dun tempo de recollimento e dunha decisión consciente de deter o ritmo nun contexto marcado pola velocidade e pola dificultade de escoitarse a un mesmo. A obra foi medrando en Lugo, concretamente no lugar de Liúlfe, na parroquia de Lestedo, no concello de Palas de Rei, espazo no que Davide Salvado reside actualmente e onde, segundo transmite o propio artista, a vida se vai transformando en música de maneira natural e afastada do ruído.

“Este novo disco nace dun tempo longo de silencio e de escoita. Había algo que tiña que dicir, pero só podía saír así, con calma e con verdade. Con Permita deus ábrovos a porta á miña casa”, explica o músico sobre este novo proxecto.

Permita deus preséntase como un acto de fe no patrimonio e como un catálogo persoal de cancións que sitúan ao oínte nunha atmosfera íntima e pausada. Nese universo sonoro insírese “Luz do sol”, unha peza que funciona como revisitación e recreación do repertorio que formará parte do disco.

A canción conta con letra de Manuel Cortés e constrúese sobre a guitarra eléctrica e os arranxos de Antonio Casado, ademais do violín de Cibrán Seixo, baixo a produción de Lucas Delgado.

O videoclip, realizado por Jorge López, amosa a Davide deitado nunha cama situada en plena natureza, nunha proposta visual que traslada a intimidade fóra do espazo doméstico. Ao longo das imaxes, o artista aparece só, arroupándose, estirándose e deixando que a canción pase por el mentres a cama ocupa a contorna natural como unha invitación a permanecer e habitar o próximo.

Davide Salvado está considerado unha das voces máis destacadas do panorama musical galego contemporáneo. Ao longo da súa traxectoria combinou a tradición oral e musical galega cos cambios e evolucións do mundo actual. Durante anos percorreu aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas, nunha aprendizaxe ligada especialmente ás mulleres coas que compartiu ese camiño e das que recolleu non só repertorio, senón tamén unha maneira de entender a vida que continúa presente no seu traballo artístico.

“Luz do sol” xa está dispoñible nas plataformas dixitais e o videoclip pode verse nas canles oficiais do artista. O lanzamento de Permita deus marcará o comezo dunha nova etapa para Davide Salvado, que anunciará proximamente as primeiras datas de presentación en directo.

0.12147998809814