De Amandine Beyer e Gli Incogniti a Notos Quartett: comeza a Semana de Música do Corpus de Lugo

LugoXa
O sábado 18 de maio comeza no Círculo das Artes de Lugo a 51ª edición do decano dos festivais galegos e un dos máis antigos do estado, o Festival de Música Cidade de Lugo 2024.
Festival-de-musica-Cidade-de-Lugo
Presentación do programa
15 Maio 2024

O sábado 18 de maio comeza no Círculo das Artes de Lugo a 51ª edición do decano dos festivais galegos e un dos máis antigos do estado, o Festival de Música Cidade de Lugo 2024. O concerto inaugural estará protagonizado pola violinista francesa Amandine Beyer e a súa orquestra barroca Gli Incogniti, unha das agrupacións máis recoñecidas en toda Europa.  O programa do concerto estará formado por os Concertos de Brandemburgo e outras obras de Johann Sebastian Bach. Constitúe sen dúbida unha oportunidade única de desfrutar dunhas obras lexendarias.

Nas seguintes citas do festival, La Guirlande con Alicia Amo, o Notos Quartett, Elisabeth Hetherington co Pérgamo Ensemble, François Dumont, Dianto Reed Quintet, Son de Corda e Jonian Ilias Kadesha coa Orquestra Sinfónica Vigo 430 serán os protagonistas desta edición, dende o sábado 18 de maio ao 1 de xuño. Oito concertos que conforman unha programación heteroxénea, que abrangue 6 séculos de música coas premisas básicas de apostar pola calidade e a diversidade de enfoques e repertorios.

Os lucenses poderán gozar de grandes intérpretes como o grupo historicista La Guirlande, dirixido polo frautista Luis Martínez Pueyo, que xunto coa soprano Alicia Amo desenvolverá un programa con “Músicas ao divino na España e o México virreinal do século XVIII” de autores como Nebra, Casellas, Hernández. Illana ou Juan Martín Ramos; a soprano Elisabeth Hetherington e Pérgamo Ensemble cun programa que xirará arredor de obras sacras de Telemann e Zelenka; ou o francés François Dumont, premiado nos concursos internacionais de piano Frederic Chopin, Queen Elisabeth, Clara Haskil e Monte Carlo e que ofrecerá un recital centrado na obra de Chopin.

O multipremiado Notos Quartett, un cuarteto con piano alemán de sona internacional e un dos poucos grupos estables con esta formación, abordará cuartetos de Mozart, Bryce Dessner e Brahms. O novo quinteto de vento Dianto Reed Quintet, de absoluta actualidade pola seus últimos premios e distincións, propón un programa baseado na música española co que convida a “buscar e sentir o Duende”.

A música de mulleres compositoras no tránsito do século XVI ao XVII serán as protagonistas do concerto de Son de Corda, cuarteto vocal acompañado neste programa dun “continuo” barroco. Pechará o festival, o 1 de xuño, o violinista greco-albanés Jonian Ilias Kadesha, dirixindo a Orquestra Sinfónica Vigo 430 en dous concertos para violín de Vivaldi e Mozart e sinfonías de Mendelssohn e Haydn.

 

Programa

18 de maio  - Círculo das Artes - 20:30 h

Gli Incogniti

Amandine Beyer, violín e dirección  

Concerti per il principe (Concertos de J. S. Bach)

21 de maio  - Círculo das Artes -  20:30 h

Dianto Reed Quintet

Identidades, a maxia do Duende

23 de maio - Círculo das Artes -  20:30 h

Elisabeth Hetherington, soprano

Pérgamo Ensemble

Mater Misericordiae (Telemann e Zelenka )

25 de maio - Círculo das Artes - 20:30 h

Notos Quartett

Piano Quartet (Mozart, Dessner e Brahms )

 

26 de maio – Capela de Santa María - 19:30 h

Son de Corda

O Mérito das mulheres. Compositoras no tránsito do S. XVI ao XVII

 

28 de maio - Círculo das Artes - 20:30 h

François Dumont, piano

Recital (Bach, Mozart, Liszt & Chopin)

 

31 de maio - Círculo das Artes - 20:30 h

La Guirlande

Alicia Amo, soprano

Cristal Bello

Músicas ao divino na España e o México virreinal do século XVIII

1 de xuño - Círculo das Artes -  20:30 h

Orquestra Sinfónica Vigo 430

Jonian Ilias Kadesha, violín e dirección

Paixón. Concertos e sinfonías. (Mozart, Vivaldi, Mendelssohn e Haydn)

0.11313414573669