Declaración favorable para a ampliación dunha explotación avícola en Friol

A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable con relación ao proxecto de ampliación dunha explotación avícola de polos de engorde, no concello de Friol (Lugo), condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto de documentación avaliada como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran ao longo do propio documento.
Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial é ambientalmente viable.
O proxecto está promovido por Ganadería García Viña, SC, e ten por obxecto a ampliación da explotación avícola ata unha capacidade de 76.679 polos coa construción dunha nave para as aves, outra para locais auxiliares, unha esterqueira cuberta e a instalación dunha fosa séptica e un arco de desinfección, ademais de ampliar o peche sanitario.
Cómpre lembrar que a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de oito organismos públicos e entidades consultados e ningunha alegación.
Froito das consultas realizadas, os informes emitidos recolleron a valoración correspondente, establecendo unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que figura na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, os organismos consultados consideran que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos nos distintos eidos analizados e que, por tanto, sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certas condicións establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, das augas, do solo, da fauna, da vexetación e dos hábitats naturais, así como a xestión de residuos ou a integración paisaxística, entre outros.
Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural- e dáselle publicidade mediante o anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería.