Dende tenis ata loitas olímpicas ou rugby: abren o curso as 17 Escolas Deportivas de Lugo

LugoXa
As disciplinas incluídas este ano abranguen aikido, baloncesto, balonmán, ciclismo, esgrima, hockey liña ou loitas olímpicas, entre outras
muralla_rugby
2 Out 2024

Lugo pon en este o curso 2024-2025 un total de 17 Escolas Deportivas, coas que colabora o Concello, que busca promover a práctica deportiva entre a mocidade lucense. Este programa pon a disposición das persoas interesadas tanto instalacións municipais como a colaboración de clubs locais. “O noso obxectivo é ofrecer unha proposta de lecer que mellore non só as capacidades físicas dos participantes, senón tamén as súas habilidades sociais, fomentando valores como a integración, o compañeirismo e a superación persoal a través do deporte”, explicou Jorge Bustos.

As disciplinas incluídas este ano abranguen aikido, baloncesto, balonmán, ciclismo, esgrima, hockey liña, loitas olímpicas, patinaxe, piragüismo, rugby, taekwondo, tenis, tenis de mesa, triatlón, waterpolo e ximnasia rítmica. As clases desenvolveranse en instalacións municipais como o Polideportivo da Piscina de Frigsa, a Casa do Deporte e o Polideportivo Daniel Cordido, entre outras.

Cada unha destas escolas está xestionada por un club especializado na súa disciplina, garantindo un alto nivel de formación e unha aposta polo deporte base. Entre os clubs colaboradores destacan a Escola Lucense de Aikido, o C.B. Cidade de Lugo, o C.P. Lucense, o Club Lugo Esgrima, o Muralla Rugby Club, o Club Tenis As Termas e o Club Filigrana.

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, destacou a boa acollida destas actividades nos últimos anos: “Na tempada pasada, preto de 2.000 rapaces e rapazas participaron, e esperamos que este ano a participación sexa igualmente alta. Queremos que o deporte continúe sendo un alicerce fundamental para as nosas familias e mocidade.” Para máis información sobre as modalidades, horarios e inscricións, pódese consultar a web do Concello de Lugo ou contactar cos clubs correspondentes.

 

0.20005202293396