Denuncian graves danos en mámoas prehistóricas de Penarrubia por labores forestais sen autorización

LugoXa
Os feitos afectan a dous xacementos arqueolóxicos catalogados como bens patrimoniais no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e incluídos no PXOM de Lugo
Mogote-de-Penarrubia-Lugo-Adega
15 Apr 2025

As asociacións ecoloxista e patrimonial ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de denunciar ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural os graves danos sufridos polas mámoas Mogote de Penarrubia 1 e Mogote de Penarrubia 2, situadas na parroquia de Orbazai (San Miguel), no Concello de Lugo.

Os feitos afectan a dous xacementos arqueolóxicos catalogados como bens patrimoniais no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e incluídos no PXOM de Lugo, polo que contan cun réxime específico de protección.

Durante unha visita recente á zona, representantes das entidades constataron a existencia de danos materiais moi significativos causados por labores forestais realizados aparentemente sen autorización.

Entre os prexuízos destacan a alteración da coraza do túmulo da mámoa 1, con movementos de terra que deterioraron a súa estrutura visible; a presenza de rodeiras de maquinaria pesada sobre ambas mámoas; o depósito de troncos cortados directamente sobre a mámoa 1, agravando a súa degradación; así como a afectación directa dos estratos arqueolóxicos e da morfoloxía orixinal dos dous túmulos.

Ante esta situación, ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan que se comprobe se as intervencións contaban coa autorización preceptiva da Consellería de Cultura, que se abra un expediente sancionador contra os responsables no caso de confirmarse a ausencia de permiso, e que se adopten medidas correctoras urxentes para restaurar os danos causados.

As entidades insisten na necesidade de garantir a protección efectiva destes bens patrimoniais, lembrando que as mámoas de Penarrubia constitúen un valioso testemuño da presenza humana prehistórica na comarca, cuxa conservación require o compromiso firme das administracións públicas.

⚙ Configurar cookies
0.1676549911499