Denuncian o abandono dun solar no Camiño de Herrero e pide actuación municipal

LugoXa
Alertan do risco de incendio, problemas de insalubridade e perigo para os usuarios do paseo do río Rato en Paradai
parcela-Camiño-de-Herrero-Lugo
18 Jun 2026

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti trasladou a súa preocupación polo estado de abandono dun solar privado situado no Camiño de Herrero, nun dos márxenes do río Rato, á altura do barrio de Paradai.

Segundo sinala a entidade, os últimos días permitiron comprobar que os márxenes do río Rato se atopan correctamente rozados e coidados, agás as parcelas particulares da zona do Camiño de Herrero, que presentan unha situación de abandono total. A herba supera os dous metros de altura, o que evidencia, segundo a federación, unha falta de mantemento prolongada.

A organización veciñal advirte de que esta situación supón un risco evidente de incendio, especialmente nesta época do ano, ademais de favorecer a aparición de pragas e a acumulación de residuos, converténdose tamén nun foco de insalubridade.

Así mesmo, a federación alerta do perigo para as persoas usuarias da zona, xa que se trata dun espazo moi transitado por paseantes, familias e persoas maiores que empregan a diario o sendeiro do río Rato.

A entidade lembra que o Concello de Lugo conta cunha ordenanza municipal de limpeza e mantemento de solares que obriga ás persoas propietarias a conservar as súas parcelas en condicións adecuadas de seguridade e salubridade. Por este motivo, solicita á Concellería de Medio Ambiente información sobre as xestións realizadas co propietario do solar para garantir o cumprimento da normativa.

Do mesmo xeito, reclama que, no caso de non existir resposta ou actuación por parte da propiedade, o Concello proceda á execución subsidiaria prevista pola lei para garantir a protección da cidadanía.

A federación considera inadmisible que unha finca privada situada nun entorno natural tan sensible e moi utilizado pola veciñanza permaneza nun estado de abandono que compromete a seguridade e a saúde pública, e reclama unha resposta e actuación inmediata por parte do Concello.

0.11480188369751