Denuncian recortes para o alumnado de portugués na EOI

LugoXa
Aseguran que esta decisión dificulta, e mesmo impide, “o acceso de moito alumnado ás aulas, a consecuencia de reducir o profesorado”
Escola Oficial de Idiomas
3 Xul 2024

O alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Lugo denuncia recortes en portugués. Segundo trasladan, foi para eles “unha enorme sorpresa” a redución “dunha forma drástica da oferta horaria e de grupos deste idioma para o ano escolar 24/25”. Aseguran que esta decisión dificulta, e mesmo impide, “o acceso de moito alumnado ás aulas, a consecuencia de reducir o profesorado”.

Lembran que o departamento conta con tres profesores, dous fixos e unha interina, que se mantivo estable nos últimos 14 anos. Polo que nada facía sospeitar que se fora tomar esta medida “tan drástica e restritiva, inxustificable ao noso entender, e adoptada cando os prazos de matrícula non estaban abertos”. Sosteñen que se atenta contra os dereitos do alumnado desde que se reduce a oferta horaria, “quedando os grupos de nivel básico en apenas dous, cando eran catro e un grupo de B1 en horario imposible (de 20 a 22 horas)”.

Isto, aseguran, vai impedir a un número notable de alumnos “seguir os seus estudos na Escola e vai significar a eliminación dos grupos de nivel avanzado nos anos seguintes ao dificultar o seu acceso no B1”. Ante esta situación, o alumnado decide entregar un escrito na inspección educativa con 47 sinaturas, aínda que os “intentos de sermos recibidos formalmente non tiveron éxito ata hoxe, o que di pouco a favor da actitude dialogante da Consellaría, cousa que lamentamos”.

Tamén deciden entregar escritos e manter reunións coa dirección da EOI sobre a que aseguran que existe un diálogo pero demandan “unha actitude máis decidida pola súa parte en defensa dos dereitos do alumnado, cousa que botamos en falta”.  Tamén agradece o apoio do claustro de profesorado da Escola, quen, “por maioría, acordou rexeitar” estes recortes e dos representantes do alumnado da EOI que acordaron apoiar a loita.

0.19095706939697