Denuncian unha campaña para silenciar as alegacións contra Altri
As plataformas Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), xunto a outros colectivos ecoloxistas e sindicais de Galicia, denuncian publicamente a campaña da Xunta para acalar a cidadanía que presentou alegacións contra o proxecto de Altri-Greenalia en Palas de Rei. Máis de 23.000 persoas e entidades que asinaron alegacións están a recibir requirimentos do Goberno galego para que demostren a súa lexitimidade e poidan ser recoñecidas como persoas interesadas no procedemento administrativo.
Segundo os colectivos, a Xunta de Galicia está a usar a maquinaria administrativa para dificultar o acceso á información sobre o proxecto e o seu estado de tramitación, así como a coñecer os informes sectoriais e valoracións técnicas. A administración está a enviar escritos nos que se lles esixe ás persoas alegantes que acrediten o seu interese no prazo de 10 días hábiles. En caso de non facelo, non se lles permitirá o acceso ao expediente.
As plataformas denuncian esta acción como antidemocrática e consideran que busca silenciar o rexeitamento ao proxecto, que pon en perigo o tecido económico e social das comarcas afectadas polo río Ulla e a ría de Arousa. Moitos cidadáns afectados, como propietarios de fincas ou titulares de explotacións, xa responderon aos requirimentos alegando a súa vinculación directa co territorio afectado. As plataformas lembran que o propio goberno galego publicou referencias catastrais que identifican a estes propietarios como afectados.
Novo chamado á mobilización o 15 de decembro
As plataformas anuncian unha gran mobilización para o 15 de decembro en Santiago de Compostela co lema “A Xunta non poderá calar todo un país. ALTRI non!”. O obxectivo é protestar contra a tramitación do proxecto de macrocelulosa, o desprezo do goberno galego a informes científicos, como o presentado polo Consello da Cultura Galega, e a defensa dos intereses dunha empresa por riba do benestar da poboación e do territorio galego.
Esta mobilización será unha nova mostra do rexeitamento social á instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, que, segundo denuncian os colectivos, ameaza con destruír o medio ambiente e o sistema produtivo galego, afectando tanto ás terras do interior como á Ría de Arousa.