Deputación e alcaldes, indignados coa Xunta por traspasarlles competencias en sanidade
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo na mañá deste luns unha reunión vía telemática cos alcaldes e alcaldesas dos 14 concellos afectados polo confinamento da Mariña. José Tomé convocou a xuntanza a petición da maioría dos rexedores mariñanos, debido á súa preocupación, indignación e alarma porque a Xunta de Galicia, na disposición 5ª da Orde que publicou onte no Diario Oficial de Galicia coas medidas preventivas para a zona, trasládalle ós concellos as competencias en materia sanitaria para exercer o control de actividades e servizos que impacten na saúde da cidadanía.
A Orde, explicou o presidente, recolle que a “vixilancia, a inspección e o control do cumprimento” das medidas preventivas establecidas corresponden aos concellos. “Isto xera unha gran alarma e unha gran preocupación nos concellos da Mariña, posto que, segundo manifestaron na reunión, carecen de medios técnicos, humanos e económicos para exercer estas competencias, e cando, segundo din, nin sequera teñen os datos de persoas afectadas que manexa o SERGAS de cada un dos concellos”, subliñou.
“O Goberno da Xunta do señor Feijóo, que se cansou de pedir, dun xeito desleal en ocasións, a recuperación das competencias que estaban depositabas no Mando Único estatal, agora que ten plenas competencias outra vez, nin comparece, non dá explicacións e escóndese detrás do Conselleiro de Sanidade, impoñéndolle as súas competencias ós concellos da Mariña”, asegurou José Tomé.
Na disposición 5ª da Orde da Xunta publicada onte no DOG, establécese que estas competencias para os alcaldes e alcaldesas veñen dadas pola súa condición de Autoridade Sanitaria en base ao artigo 80 da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia, “cando o que establece ese artigo son competencias en salubridade pública, pero non en temas de saúde epidemiolóxica, é dicir, en relación coa enfermidade de persoas”, explicou o presidente. “Por exemplo, establece competencias dos alcaldes en materia de ruídos, de vibracións, de potabilización de auga, de saneamentos ou de medio ambiente. Aí, efectivamente, iso é así, son competencias municipais, reguladas en moitos casos por ordenanzas, pero non é, dende logo, competencia dos concellos o tratamento sanitario que afecta ás persoas. Iso non é competencia dos alcaldes”.
Ademais, engadiu Tomé Roca, “o presidente da Xunta esquece que a mesma Lei, de Saúde de Galicia, inmediatamente despois, no artigo 81, di, literalmente, o seguinte: “Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, as entidades locais poderán asumir competencias delegadas pola Consellería de Sanidade, sempre e cando acrediten poder executar plenamente as funcións que en materia de saúde lles asigne como competencia propia a lexislación vixente e obteñan a pertinente acreditación para a delegación de tales competencias na forma na que regulamentariamente se determine”. O citado artigo di ademais que “as competencias ás que se refire o apartado anterior só poderán ser delegadas dacordo cos principios de autonomía municipal e responsabilidade financeira, cando as entidades locais asuman os resultados económicos da súa xestión”.
Polo tanto, “non só hai que pasarlle as competencias ós concellos, senón que hai que pasarlles os fondos, o diñeiro, para podelas executar. Non hai que quedarse só no artigo 80, dicindo que os alcaldes son autoridade sanitaria e teñen competencias en salubridade pública, senón que hai que ir ó seguinte, ó artigo 81, que di, si, cando as poidan levar a cabo, se acredite que as poden levar a cabo, pero ademais cando lles dean os medios económicos necesarios para elo”, argumentou o presidente.
Posible responsabilidade penal dos alcaldes
O presidente incidiu en que atendeu canto antes a solicitude dos concellos “pola urxencia e a premura da situación, pois a Orde entrou en vigor hoxe, dado que os alcaldes poden incorrer, dependendo das circunstancias, nalgún tipo de responsabilidade penal, e loxicamente non queren. Como dixo unha Alcaldesa na reunión, eu non me quero ver confinanda en Teixeiro, nin noutro sitio que se lle pareza”.
Alternativas
Despois de consultar cos servizos xurídicos da Deputación, “dun xeito rápido, sen facer aínda un estudo en profundidade”, o presidente informou aos alcaldes das posibilidades que tiñan ante a Orde da Xunta. As alternativas son as seguintes:
- En primeiro lugar, teñen a posibilidade de emitir un bando instando os veciños a que cumpran o que estipula a Orde, colaborando ademais coa autoridade sanitaria da Consellería de Sanidade da Xunta en levar a cabo o confinamento.
- En segundo lugar, trasladarlle un escrito á Consellería de Sanidade manifestándolle que non teñen posibilidade de executar esas competencias, tal e como establece o artigo 81 da Lei 8/2008 de Sanidade de Galicia.
- En terceiro lugar, pedirlle á Xunta que poña os medios técnicos, humanos e económicos dos que eles carecen, porque, “como tamén dicía outro alcalde, eu non vou ir controlar a entrada e saída da autovía porque non teño medios para podelo facer. Para iso ten que estar a Policía Autonómica, a Guardia Civil ou quen considere a Xunta que o poida controlar, pero, dende logo, non o pode facer un Alcalde, que nin sequera ten Policía Local, por exemplo”, afirmou José Tomé.
- E, en cuarto lugar, cabe a posibilidade de impoñer un Contencioso Administrativo, aínda que, dada a premura de tempo, “non resolvería o problema a curto prazo porque teñen un recorrido xudicial longo”, sinalou.
Agora, explicou o presidente, “tócalle aos concellos tomar a decisión que cada un considere máis oportuna, se é que consideran que deben tomar algunha, de xeito individual ou colectivo. Dende a Deputación de Lugo deixamos a porta aberta para colaborar con eles, e para aclarar ou asesoralos sobre calquera punto que plantexen. A realidade é que a inmensa maioría dos alcaldes da Mariña, máis do 71%, 10 dos 14 alcaldes e alcaldesas, manifestaron a súa indignación polo que establece a Orde, e a Deputación Provincial de Lugo, como non podía ser doutro xeito, vai estar con eles”.
“Fai pouco tempo, o señor Feijóo, incluso durante o Estado de Alarma, viaxaba moito á Mariña, facer fotos a Alcoa, como todos vimos fotos baleiras de contido, porque non aportou nin unha soa idea, só dicía o mal que ía a cousa, non puxo enriba da mesa ningún proxecto industrial para Alcoa, nin financiamento, como si poñen os vascos nas súas empresas ou como si fixo o propio Feijó aportándolle a Citroën 11M€ para a fabricación en Vigo dun coche eléctrico. Sen embargo, non vin que puxera nin un só euro para que Alcoa se quede na Mariña. Non sei por que uns si e outros non, tería que explicalo o señor Feijóo”.
“Espero que agora tamén vaia á Mariña. Xa que foi antes sacar fotos a Alcoa, espero que vaia agora tamén para estar cos veciños, cos alcaldes, coas persoas que están confinadas e lle diga ó Conselleiro de Sanidade que exerza as competencias que lle pretende traspasar ós concellos coa Orde que publicou no día de onte”, asegurou o presidente.
José Tomé puxo de manifesto ademais que noutras autonomías do Estado que tamén teñen rebrotes e confinamento, como pode ser Andalucía ou Cataluña, en ningún caso “se lle botou encima esa carga ós concellos. Así que, que se aplique o conto o señor Feijóo, e que faga o mesmo que fixo o presidente catalán ou o andaluz”.
“Como presidente desta institución, que ademais ten como deber asistir ós concellos, en todo aquelo que dependa da nosa capacidade de axuda, a Deputación vai estar cos alcaldes, cos concellos e cos veciños da Mariña”, recalcou o presidente.
A saúde por riba de todo
“Para a Deputación Provincial de Lugo e para o seu presidente a saúde está por encima de todo; a saúde está por encima dos votos. Non sei se o señor Feijóo pensa o mesmo, espero que si. Desde logo sería conveniente que facilitara os datos ós concellos, que non os teñen, segundo acaban de dicir, dun xeito transparente e con rapidez. Eu espero que o faga porque senón podiamos pensar que está agochando algo, e non quero pensar iso”.
Partido Popular
O portavoz do grupo provincial popular, Javier Castiñeira, expresa a súa sorpresa “por esta citación do goberno Deputación a alcaldes da Mariña”; é unha sorpresa, explica Castiñeira, porque esta iniciativa é totalmente contraditoria coa “política desenvolvida polo presidente Tomé durante os peores momentos da pandemia”. O máximo responsable da Deputación rexeitou entón reunirse con alcaldes e concelleiros de toda a provincia, “cando a poboación, máis de 330.000 persoas, estaba confinada, había moitos lucenses hospitalizados e as residencias vivían o seu peor momento”. Remarca Javier Castiñeira que, nesas durísimas circunstancias, o socialista José Tomé “non quixo reunirse cos partidos políticos para tratar de buscar un plan común, rexeitou a proposta do PP para convocar á xunta de portavoces e tampouco quixo deseñar un plan poscovid, proposto tamén polo PP, para axudar a empresas e autónomos”. Castiñeira cre que se Tomé convoca agora aos alcaldes é para tratar de sacar rendemento político.
Castiñeira declara: “Respectaremos estritamente os criterios da Consellería de Sanidade, que está tomando as medidas que entende necesarias; o que ten que primar a día de hoxe é a saúde dos nosos veciños. Hai un brote na Mariña e a poboación debe tomar as medidas que indica a Consellería de Sanidade para evitar contaxios”.