Desplómase un tramo da muralla de Lugo pola parte interior debido, posiblemente, ás choivas

LugoXa
O derrubamento afectou a un amplo tramo da muralla, duns seis ou sete metros de lonxitude, sen causar danos persoais, xa que nese momento non pasaba ninguén
derrube-muralla-de-lugo2
8 Feb 2026

A Muralla de Lugo rexistrou arredor das 23:30 horas deste sábado un derrubamento de importantes dimensións na súa cara interior, nun tramo situado entre as portas do Carmen e de Santiago, nas inmediacións do pazo de Montenegro, inmoble que acolleu no seu día a sede do Vicerreitorado do campus universitario. O desprendemento afectou a unha franxa de aproximadamente seis ou sete metros de lonxitude, aínda que non se produciron danos persoais, xa que no momento do suceso non había tránsito de persoas pola zona.

Tras o colapso, a Policía Local procedeu a acordoar o espazo para evitar o paso de peóns polo paseo interior do monumento, mentres varios axentes permaneceron no lugar co obxectivo de garantir a seguridade e previr novos riscos. O arqueólogo municipal, Enrique González, sinalou que se trata dunha incidencia puntual e que non resulta estraña tendo en conta as condicións meteorolóxicas adversas dos últimos días, marcadas pola presenza da borrasca Leonardo, que deixou intensas precipitacións e fortes refachos de vento na cidade.

Segundo explicou o profesional, a parte afectada corresponde a unha reconstrución realizada no século XIX e non forma parte da Muralla orixinal de Lugo, que, segundo indicou, presenta unha resistencia moito maior e non debería sufrir este tipo de derrubamentos. Nesa etapa realizáronse intervencións con terra e escombro, materiais que fan que determinados tramos sexan máis fráxiles e susceptibles de caer. González lembrou que existe un Plan Director no que están identificadas todas as zonas do monumento que foron reformadas no século pasado e que presentan estas características. En relación co tramo derrubado, avanzou que se analizará a actuación máis axeitada, que pasaría por abrir unha área maior da zona afectada para consolidar os laterais e evitar que se repitan episodios similares.

A XUNTA ACTUARÁ CON URXENCIA

A Xunta de Galicia actuará de urxencia para reconstruír e reparar os danos causados polas fortes chuvias na muralla romana de Lugo. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita á zona na que onte se rexistrou un desprendemento de pedras na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura explicou que as intensas precipitacións rexistradas nas últimas xornadas provocaron un derrube no lenzo interior da muralla á altura da rúa do Moucho e nun tramo que está comprendido entre as portas do Carme e de Santiago. “Trátase dun desprendemento que afortunadamente non provocou danos persoais e que afectou a un lenzo interior que non pertence ao trazado orixinal da muralla, senón que é froito dunha reconstrución posterior que se fixo aproximadamente nos anos vinte do século pasado”, apuntou López Campos.

“A muralla de Lugo, como ben de valor universal excepcional, é e será obxecto das intervencións necesarias para preservar a súa conservación”, afirmou o conselleiro antes de engadir que o seu departamento “traballará de emerxencia e coa maior celeridade posible para solucionar as patoloxías causadas pola auga”. De feito, técnicos da Dirección xeral de Patrimonio Cultural fixeron onte á noite unha primeira visita e, segundo avanzou López Campos, está previsto que xa mañá se comece a traballar. Así mesmo, nos vindeiros días realizarase unha inspección completa do trazado para comprobar se existen danos nalgún outro punto aproveitando a monitorización feita ao abeiro do Plan director.

Por outra banda, o representante do Goberno galego explicou que o valor e a importancia deste monumento fixo que Lugo sempre ocupara un lugar destacado no compromiso do Goberno galego co patrimonio cultural. Proba disto é que desde que foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, un recoñecemento que celebrou o pasado ano o seu 25 aniversario, a Administración autonómica investiu máis de 10M€ en 60 actuacións. “Este é un compromiso que nos permitiu velar pola conservación dun dos patrimonios máis icónicos e recoñecibles da nosa Comunidade e que agora, ante estes acontecementos, cobra aínda máis forza”, apuntou.

Cómpre lembrar que a muralla romana de Lugo, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2000, xa rexistrou derrubes a causa das choivas en anteriores ocasións. A última, pouco despois do seu recoñecemento, afectou á zona localizada nas inmediacións do hospital de Santa María.

ARROXO PIDE CELERIDADE

Rubén Arroxo e responsables do equipo de goberno visitaron a zona afectada polo derrube de un tramo da Muralla de Lugo. Arroxo sinalou que "a Muralla converteuse na imaxe da cidade e polo de atracción turística, debe ser coidada e mimada pola súa antigüidade e todo o que significa para Lugo".

O tenente - alcalde lamentou o suceso e amosou a súa confianza na rápida restauración. Ademais, Arroxo fixo fincapé na necesidade de a Xunta de Galicia actúe con celeridade na restauración e ofreceu toda a colaboración necesaria por parte do Concello.

⚙ Configurar cookies
0.081910133361816