Destinan 102.000 euros á mellora da casa consistorial de Cervantes

LugoXa
Sufragouse a renovación da cuberta da Consistorial, que se dotou de novo illamento térmico ademais de substituír as lousas en mal estado
visita-casa-do-concello-de-cervantes
Visita ás obras da casa consistorial de Cervantes
10 jun 2024

A Xunta de Galicia destinou 102.700 euros a mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade na Casa Consistorial de Cervantes. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das actuacións, promovidas polo Concello de Cervantes ao abeiro de distintas liñas de axuda do Goberno galego.

Arias destacou a importancia de que os edificios públicos sexan accesibles para toda a cidadanía e sustentables e respectuosos co medio ambiente. “A loita contra o cambio climático -apuntou- require aplicar medidas que rebaixen a demanda de enerxía das instalacións públicas mantendo, ou mesmo mellorando, o nivel de servizo”.

Ao respecto, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes sufragou a renovación da cuberta da Consistorial, que se dotou de novo illamento térmico ademais de substituír as lousas en mal estado. Tamén financiou a reforma da carpintaría exterior do edificio, coa instalación de novas ventás de aluminio con rotura de ponte térmico e uso de dobre cristal baixo emisivo, que aforrarán máis dun 71% da enerxía que se perdía co modelo anterior.

Pola súa banda, a Consellería de Política Social e Igualdade apoiou a obra de instalación dun ascensor a través dun programa para facilitar a supresión de barreiras nas edificacións, instalacións, equipamentos ou espazos públicos.

Rehabilitación de muros

O delegado territorial tamén comprobou a marcha das obras que realiza no municipio o obradoiro de emprego Comarca de Ancares VI, que comparten os concellos de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Triacastela e financia con 531.000 euros a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

O obradoiro forma 20 persoas desempregadas na especialidade de Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, con cinco alumnos e alumnas de cada municipio.

En Cervantes levan a cabo a rehabilitación de muros de cachotería en lugares como Bustelo, Comeal, Covas, Pereira ou San Pedro. O delegado desprazouse ata este último núcleo, onde están a reconstruír un muro dunha lonxitude aproximada de 38 metros e unha altura de entre 1 e 1,50 metros nun camiño municipal.