Destinan 460.OOO euros para solucionar os problemas de humidade na Catedral de Lugo

LugoXa
Os técnicos detectaron humidades xeneralizadas en todos os muros exteriores das capelas absidiais e na capela da Virxe dos Ollos Grandes
catedral-de-lugo
3 Sep 2024

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras necesarias para corrixir a entrada de humidades na cabeceira da catedral de Santa María de Lugo, cun orzamento superior aos 460.000 euros. Este proxecto, cofinanciado ao 60 % pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027, prevé un prazo de execución de seis meses e ten como obxectivo principal resolver os problemas de filtracións que afectan especialmente á capela da Virxe dos Ollos Grandes e ás capelas absidiais.

A intervención incluirá a actuación sobre espazos públicos e canalizacións históricas para realizar drenaxes eficaces que eviten o deterioro do monumento. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliña a importancia desta actuación para frear a deterioración e corrixir as patoloxías detectadas, que poñen en risco a conservación deste Ben de Interese Cultural, incluído na Declaración de Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Os técnicos detectaron humidades xeneralizadas en todos os muros exteriores das capelas absidiais e na capela da Virxe dos Ollos Grandes, así como falta de morteiros en xuntas, manchas de escorrentías, colonización vexetal e outras degradacións nos elementos pétreos que afectan ao uso cotián do espazo. Para abordar estes problemas, o proxecto inclúe a construción de galerías paralelas intermedias entre o muro de pechamento das capelas e a galería do século XVIII, que funcionarán como ventilación.

Tamén se restaurarán as canalizacións históricas baixo a praza e se correxirán os derrubamentos que bloquean a evacuación da auga. A intervención na fachada e na cuberta incluirá a limpeza e reposición de pranchas de chumbo danadas, a reposición de material das xuntas da fábrica e tratamentos para a conservación da pedra. Este proxecto forma parte do Plan Catedrais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que ten como obxectivo conservar e pór en valor o patrimonio catedralicio de Galicia. No caso de Lugo, o Plan prevé unha inversión de 7 millóns de euros para levar a cabo unha quincena de actuacións antes de 2027. Recentemente, concluíron os traballos de restauración do claustro da catedral, cun investimento de 625.000 euros que incluíu tamén investigacións arqueolóxicas reveladoras dunha importante necrópole medieval e moderna e da cloaca romana.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18229699134827