Dez barrios de Lugo acollen actividades do programa ‘O Nadal en Galego’

Dez barrios da capital lucense celebrarán actividades navideñas no marco do programa O Nadal en Galego, barrio a barrio, impulsado pola Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) coa colaboración da Xunta de Galicia.
O programa ten como obxectivo potenciar o uso do galego en espazos de ocio e animación, ao tempo que amplía a programación de Nadal a todas as zonas da cidade. En cada barrio instalarase unha casiña na que os nenos e nenas serán recibidos polos Reis Magos ou por Papá Noel, acompañados por dous elfos. Ademais, haberá obradoiros para redactar cartas en galego, talleres de animación á lectura e cantos de panxoliñas tradicionais.
As actividades desenvolveranse segundo un calendario establecido: en Fontiñas o 5 de decembro; na Piringalla o 9; en San Fiz o 11; nas Gándaras o 15; no barrio de San Antonio o 18; en Recatelo o 22; en Paradai o 24; no Castiñeiro o 29; no Sagrado Corazón o 2 de xaneiro e en Augas Férreas o 4 de xaneiro.
A presentación desta proposta tivo lugar coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e representantes do colectivo empresarial, entre elas a súa presidenta, Anjhara Gómez.
O delegado territorial valorou a iniciativa destacando que pon en valor a cultura e as tradicións galegas nun contexto de convivencia interxeracional. Ao mesmo tempo, subliñou que este tipo de actividades reforzan a colaboración co tecido socioeconómico da cidade, promovendo o uso do galego no comercio e na empresa. Arias sinalou que a proposta se alinea coas accións da Xunta para fomentar a lingua entre a infancia e a xuventude, como os programas Falamos + ou 21 días co galego, que se desenvolven principalmente nos centros educativos.