Dez ciclos de FP en Lugo impartirán este curso parte do seu currículo nunha lingua estranxeira
Un total de 10 ciclos de FP impartirán este curso parte do seu currículo nunha lingua estranxeira o vindeiro curso 2019/20 na provincia de Lugo. Ao abeiro da resolución definitiva de ciclos formativos plurilingües (Estrela PluriFP) que vén de publicar a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, autorízanse 5 novos ciclos formativos plurilingües. Ademais, continuarán impartíndose na correspondente lingua en segundo curso 5 ciclos que foron autorizados para o curso 2018/19. No conxunto de Galicia impartiranse na modalidade plurilingüe un total de 70 ciclos formativos.
Hai novos proxectos autorizados para o curso 2019/20 en Chantada e en Lugo. Os ciclos que imparten este ano o seu segundo curso en modalidade plurilingüe na provincia, por ser autorizados no 2018/19, son: Val do Asma e As Mercedes.
TRABALLO. Os ciclos formativos plurilingües teñen como finalidade a mellora das competencias lingüísticas do alumnado de FP co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos. Neste sentido, o desenvolvemento de habilidades de comunicación oral e escrita en linguas estranxeiras facilitará o desempeño laboral dos titulados no espazo europeo, na liña de internacionalización da FP que está a impulsar a Consellería a través de iniciativas como o programa Erasmus+.
Ademais, esta liña de acción dá resposta ás necesidade de formación e competencias lingüísticas expostas polas empresas e institucións que participan nos proxectos de formación profesional dual de Galicia. De feito, dos ciclos incorporados este curso ao plurilingüismo, 5 son proxectos de FP Dual, que se suman aos 5 grupos autorizados para o curso 2018/19.
COMPLEMENTARIA. O alumnado que se incorpore a un ciclo formativo plurilingüe cursará estas ensinanzas segundo o establecido na súa normativa reguladora e ademais cursará, cando menos no primeiro curso do ciclo, un módulo non lingüístico en lingua estranxeira. O número de módulos que se cursen en lingua estranxeira poderá ampliarse sen superar, en todo caso, un terzo do horario en lingua estranxeira.
Así mesmo, ao longo dos dous cursos do ciclo o alumnado realizará actividades complementarias de formación organizadas polo centro educativo, como charlas, obradoiros ou proxectos, cunha duración estipulada de 40 horas, e que se levarán a cabo fóra do horario ordinario do alumnado.
A maiores, o centro educativo ofrecerá unha actividade formativa extracurricular de carácter voluntario para o alumnado, no primeiro e no segundo curso do ciclo, cunha carga horaria semanal de dous ou tres períodos lectivos fóra do horario ordinario do alumnado. Esta actividade formativa terá por obxecto principal o afondamento e a adquisición de destrezas no idioma elixido para impartir o ciclo plurilingüe, que sexan específicas do sector profesional ou do ámbito produtivo no que se estea a formar o alumnado.