Diaconía aborda en Lugo o papel do medio dixital na captación para a trata sexual

GaliciaXa | LugoXa
A entidade organizou xunto á Unidade de Violencia sobre a Muller a xornada "Trata 2.0", centrada nos riscos da contorna dixital e na prevención da explotación sexual
Xornada-sobre-Trata-Diaconía-Lugo
1 Oct 2026

A plataforma de acción social Diaconía abordou en Lugo o papel da contorna dixital nos procesos de captación para a trata con fins de explotación sexual a través da xornada "Trata 2.0. O medio dixital como facilitador da captación para a explotación", organizada xunto á Unidade de Violencia sobre a Muller.

A actividade contou coa participación de Camila Navarrete, traballadora social e profesional especializada en intervención social e comunitaria, migracións, prevención da trata e sensibilización fronte ás diferentes formas de violencia e explotación. O seu relatorio centrouse especialmente nos riscos asociados ao medio dixital e nas novas formas de captación que poden producirse a través destes espazos.

Navarrete é técnica de sensibilización e prevención na área de Muller e Loita Contra a Trata de Diaconía, desde onde desenvolve un traballo cun enfoque integral, interseccional e feminista. A súa intervención aborda as conexións entre a trata, as violencias sexuais dixitais e as narrativas que contribúen a sustentala.

A xornada contou tamén coa presenza da subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, que durante a inauguración reclamou unha resposta integral ante a trata con fins de explotación sexual. López sinalou a necesidade de combinar a prevención, a protección das vítimas e a persecución dos delitos para avanzar na erradicación desta forma de explotación.

A subdelegada puxo igualmente en valor o traballo dos corpos de seguridade e dos equipos profesionais que interveñen na atención ás vítimas, unha tarefa que, segundo indicou, é "moitas veces discreta e non sempre visible", pero resulta "absolutamente imprescindible" para garantir unha resposta efectiva, segura e humana.

López tamén destacou o compromiso do Goberno de España coa eliminación da trata e coa protección e acompañamento das vítimas, así como coa defensa dos dereitos humanos.

No remate do acto, a subdelegada incidiu na dimensión colectiva desta problemática e afirmou que "a trata con fin de explotación sexual non é un problema privado", senón "un desafío colectivo, profundo e estrutural". Neste sentido, defendeu a necesidade de manter unha actuación coordinada desde os diferentes ámbitos implicados.

0.1498441696167