Diaconía abordou en Lugo os riscos da trata no ámbito dixital nunha xornada sobre violencias sexuais en internet

LugoXa
Profesionais e administracións analizan os métodos de captación en liña e a protección da infancia e da mocidade
Diaconia-xornada-trata-Lugo
6 May 2026

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo acolleu a xornada “Trata 2.0. O mundo dixital, violencias sexuais dixitais e métodos de captación dixital”, organizada pola entidade social Diaconía no marco do proxecto “Desactiva a trata”.

A iniciativa tivo como finalidade afondar na comprensión da socialización dixital de nenos, nenas e adolescentes, así como ofrecer ferramentas para detectar os riscos que presenta internet como espazo de captación e explotación sexual.

A xornada estivo aberta ao público en xeral, aínda que estivo especialmente dirixida a profesionais das administracións públicas, das forzas e corpos de seguridade, dos servizos sociais e a persoas que traballan no ámbito da infancia e da mocidade.

Entre as persoas asistentes atopábanse responsables territoriais de distintas áreas da Xunta, como o director de Política Social e Igualdade, Óscar Viñas; o de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández; e o de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.

Este encontro serviu como espazo de análise e formación sobre os novos desafíos que presenta o entorno dixital en relación coa trata de persoas e as violencias sexuais, incidindo na necesidade de reforzar a prevención e a detección temperá destes riscos.

0.11776804924011