Diego AS, cinco anos despois de pintar o mellor graffiti do mundo

LugoXa
O mural 'De tanto golpear', feito en Mortalla, Murcia, do artista lucense, vén de ser seleccionado, de novo, pola Plataforma Street Art Cities como candidato a mellor mural 2025
Diego-AS-graffiti-Lugo
25 Mar 2026

Jessica Fernández

Diego Anido Seijas, coñecido artisticamente como Diego AS, vén de ser proposto, de novo, como artista do posible mellor mural do 2025 despois de que en 2021 o seu Xulio César se proclamase como mellor graffiti do mundo nese ano, un feito que lle cambiou a vida. “Despois do Xulio César chamáronme de moitos sitios, por toda España, e boteime á estrada; había que aproveitar o momento. Estaba moi ilusionado e moi feliz. Fun sementando, deixando pegada”.

Nese percorrido de deixar a súa pegada, Diego AS realizou un mural sobre tambores, cunha temática máis relixiosa, en Moratalla, en Murcia, que foi seleccionado para mellor mural no ano 2025 pola Plataforma Street Art Cities. Pero non só ten murais en territorio nacional, Diego AS viaxou a Porto Rico, onde pintou nunha zona na que pintaron varios artistas para rexenerala, así como en Guinea Ecuatorial ou Portugal. Pero, como bo lucense, dos que se sente máis orgulloso son dos de Lugo. De gran formato, Diego AS é autor do mural da Polbeira, en Sindicatos; o do Toxo, no HULA; que di lembralo “con especial cariño, porque é moi emotivo. Ademais, levaban dous anos detrás de min para que o fixese; estaban moi ilusionados e déronme total liberdade; foi moi bonito”. Ademais, ten o do león no Pazo dos Deportes, polo Breogán, e o Xulio César. Mentres que, de pequeno formato, en Paradai pintou un dos seus sobriños, ademais de noutros en lugares.

Porén, lembra con especial agarimo os graffitis que fixo na súa época adolescente. “Teño especial cariño polos primeiros, cando comecei cos murais pequenos cos meus amigos, porque foi unha etapa de moito aprendizaxe. Nutriámonos uns dos outros, sacabamos cousas positivas e fixabámonos moito na técnica”. Estabamos moi centrados no momento, nos artistas vivos, no máis moderno, e agora empezas a empaparte de cousas anteriores. Os traballos de gran formato son moi chulos, pero tamén supoñen moito máis esforzo: son murais de 10 ou 15 días, moi duros”, explica.

A pesar de ser coñecido en Lugo, Galicia, España, e fóra dela, Diego AS, caracterizado pola súa humildade, di que non se considera “pioneiro de nada”, e lembra que cando era neno e estaba comezando, “aquí xa había grandes artistas que levaban moito tempo dedicándose a isto. Sempre me fixei en Concepto Circo, sobre todo en Pablo Lage. Aínda que si que é verdade que, a nivel de gran formato, co Xulio César houbo un recoñecemento e a xente puido pensar que se podían facer cousas chulas e tan grandes e, a partir de aí, foi máis natural e comezaron a xurdir máis proxectos deste tipo”, pon en valor.

PASADO, PRESENTE E FUTURO

Con 37 anos, Diego volve a vista atrás e confesa que “vivir disto é un soño. Os soños sempre están aí, sempre pensas: oxalá algún día chegue a pintar murais grandes, sobre todo de gran formato, pero nunca pensei chegar a isto. Co graffiti estiven desde os 13 ata os 20 e pico; despois xa pintaba en muro legal. Naquela época, en España era moi raro ver un mural de gran formato, así que fixabámonos no que se facía noutros países, no norte de Europa ou en América, onde todo isto xa estaba a chegar. Aquí custaba moito que entrase porque a xente era bastante remisa a que, de súpeto, unha fachada enorme se enchese cun debuxo que puidese causar un impacto, fose bo ou malo; non se entendía. Pero era o meu soño, algo que sempre estivo aí na miña cabeza. Creo que chegar a isto foi unha evolución natural na miña carreira e si que é verdade que, a raíz do Xulio César, houbo un antes e un despois na miña carreira, porque houbo un recoñecemento e a xente puido pensar que se podían facer cousas chulas e tan grandes. A partir de aí foi máis natural e comezaron a xurdir máis proxectos deste tipo”, destaca.

Porén, di que “foi unha etapa moi intensa, o que supuxo tamén cansarme moito a nivel laboral. Se avalío estes cinco anos, vendo as cousas cara atrás, non sinto emoción, non puiden procesar as cousas por todo o que me veu enriba. Por iso, o ano pasado, que estaba moi saturado, tanto laboral como mentalmente, decidín parar, o que me está vindo ben”, recoñece Diego, que fala desde a sinceridade, deixando ver que, ás veces, o éxito tamén ten aspectos negativos. Así, sostén que, “ao coller tantos encargos e seguir a liña que me marcaban, deixei un pouco de lado a miña esencia e liberdade artística, que é o que quero recuperar agora para volver con máis ganas. Sempre collerei proxectos con ilusión, pero ireinos espazando máis para poder desfrutalos”, expresa.

Con todo, afirma que é feliz e está contento co seu traballo, porque, “como en todas as profesións, hai partes positivas e negativas; é un pouco como a vida mesma. Pero, ao final, todo é positivo porque me estou dedicando ao que me gusta, ao meu soño, á pintura, e aínda hoxe sigo descubríndome e coñecéndome. Creo que sempre estamos nun proceso de aprendizaxe e formación ata que morremos”, conclúe.

0.13144898414612