Diego As e Xurxo Morales, recibidos no Concello de Lugo

LugoXa
O saxofonista Xurxo Morales e o grafiteiro Diego As veñen de recibir senllos recoñecementos a nivel internacional e estatal.
lugo recepcion diego as xurxo morales
7 Abr 2021

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, recibiron esta mañá aos artistas lucenses Xurxo Morales, saxofonista, e Diego AS, grafiteiro, que veñen de recibir recoñecementos a nivel estatal e internacional.

"Desde a área de Cultura quixemos recoñecer o traballo destes dous lucenses, que cos seus recoñecementos veñen de promocionar a gran capacidade artística coa que conta Lugo", destacou a edil nacionalista.

O saxofonista lucense Xurxo Morales recibiu o terceiro premio nas Xornadas Internacionais de Saxofón que se celebran anualmente en Andorra, baixo a tutela de figuras prestixiosas do saxofón clásico como Claude Delangle ou Alain Crepin. Xurxo Morales era o único representante español no certame.

Pola súa banda, o muralista Diego AS vén de ser proclamado campión estatal de grafitti nun concurso organizado pola Liga Nacional de Grafitti, coa realización dun mural de 5x5 metros titulado 'New Virus Like' que, segundo o autor, foi pensado para "a xuventude que está perdida". Diego AS comparte a victoria na primeira edición deste certame co vasco Nexgraff.

0.22683882713318