Diego AS transformará a torre de prácticas do Parque de Bombeiros de Lugo nunha obra artística

O artista lucense Diego AS será o encargado de transformar a torre de prácticas do Parque de Bombeiros de Lugo nunha nova intervención artística que busca facer máis visible o traballo dos profesionais e achegar á cidadanía a importancia da prevención e das emerxencias.
A actuación parte dunha proposta do propio Servizo de Bombeiros e enmárcase na aposta do Concello de Lugo por reforzar, divulgar e poñer en valor o labor desenvolvido polos profesionais, non só no momento no que se produce unha emerxencia, senón tamén a través da prevención e da formación.
A intervención de Diego AS abranguerá as catro caras da torre de prácticas, que conta con 32 metros de altura e cinco metros de ancho en cada unha. Dúas das caras serán pintadas integramente, mentres que nas outras dúas a actuación será parcial.
A proposta artística estará baseada en dous elementos estreitamente vinculados ao traballo dos Bombeiros: o lume e a auga. Para representar o primeiro, o artista empregará principalmente vermellos, laranxas e amarelos, mentres que para a auga recorrerá a azuis e tons aguamarina.
A composición incluirá tamén a figura dun bombeiro ou dunha bombeira, como homenaxe aos profesionais que interveñen diariamente en situacións de emerxencia e que representan o eixo central da proposta.
Para Diego AS, a actuación supón ademais un reto persoal, xa que será a primeira vez que desenvolva unha intervención artística a esta altura.
O proxecto forma parte dunha liña de actuación máis ampla do Concello para reforzar o Servizo de Bombeiros. Desde a chegada do actual Goberno municipal, unha das prioridades foi o incremento dos recursos humanos, coa convocatoria dunha Oferta Pública de Emprego de 17 prazas para o servizo, proceso que recibiu 196 solicitudes.
Tamén se aprobou a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para establecer o cadro de mandos do Servizo, acordo adoptado na Mesa Xeral de Negociación do pasado 29 de maio.
A intervención artística da torre supón agora un paso máis na aposta pola prevención e a divulgación, coa intención de que o traballo dos Bombeiros sexa máis coñecido pola cidadanía. Dentro desta mesma liña, o Concello programará visitas de centros educativos ao Parque de Bombeiros.
Tamén se busca poñer en valor o ciclo medio de Emerxencias e Protección Civil do CIFP As Mercedes, que se imparte nas instalacións do CEI Nodus, dependentes do Concello.
Deste xeito, a torre de prácticas pasará a funcionar tamén como un elemento identificativo do Servizo, ao tempo que a intervención permitirá renovar a súa imaxe e converter unha estrutura vinculada á formación dos Bombeiros nun novo punto de referencia visual da cidade.