Diego Caballo reforzará o lateral esquerdo do Lugo na tempada 2025/26

LugoXa
O defensa salmantino, con ampla experiencia en Segunda División e no fútbol internacional, asina por unha tempada con opción a outra en función de obxectivos
Diego-Carballo-Club-Deportivo-Lugo
27 Jun 2025

O Club Deportivo Lugo continúa perfilando o seu plantel para a próxima tempada coa incorporación do lateral esquerdo Diego Caballo.

O xogador, natural de Salamanca e nacido en 1994, comprométese co conxunto que adestra Yago Iglesias para a campaña 2025/26, asinando por unha tempada con posibilidade de renovar por un segundo ano en función do cumprimento de obxectivos.

Formado na canteira do Real Madrid, Caballo conta cunha dilatada traxectoria tanto en equipos do fútbol profesional español como en ligas internacionais. Ao longo da súa carreira defendeu as cores do RC Deportivo, Extremadura UD, Albacete Balompié, CD Sabadell e Sydney FC, equipo co que competiu na A-League australiana.

No verán de 2023 deu o salto ao fútbol danés da man do Aalborg BK, antes de incorporarse ao CF Intercity no mercado de inverno. No cadro alacantino xogou 15 encontros oficiais en Primeira Federación, nos que marcou un gol e deu unha asistencia, converténdose nun home clave no tramo final de tempada.

Aos seus 31 anos, achega experiencia e solvencia defensiva, cun rexistro de case 90 partidos disputados na Segunda División. Esta bagaxe convérteo nunha aposta segura para reforzar a banda esquerda do equipo lucense.

⚙ Configurar cookies
0.10139107704163