Diego Flâneur e Carabela actuaron en 'As Literatas para Rosalía de Castro'

A Capela de Santa María acolleu a segunda edición da xornada musical As Literatas para Rosalía de Castro, unha iniciativa organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo co obxectivo de reivindicar a creación artística galega contemporánea no contexto das celebracións polo Día de Rosalía, que se conmemora cada 23 de febreiro.
O artista lugués Diego Flâneur e a banda de Noia Carabela ofreceron un concerto que sorprendeu o público cunha colaboración inédita concibida expresamente para a ocasión. A peza naceu a partir do poema “Maio longo” de Rosalía de Castro, reinterpretado desde unha óptica musical actual que conectou tradición literaria e novas sonoridades.
A cita cultural completouse cun agasallo para as persoas asistentes, que recibiron unha lámina conmemorativa da data. Trátase dunha reprodución dunha acuarela realizada pola ilustradora Rocío Fernández Paz, inspirada no poema “Sen niño” da autora galega. Esta mesma obra entregarase tamén mañá ás persoas que visiten os museos provinciais: o Museo Provincial de Lugo, o Pazo de Tor, o Museo do Mar de San Cibrao e o Museo Fortaleza de San Paio de Narla, ampliando así a celebración máis alá do espazo do concerto.