Diego Flâneur e ünder: “Que saian novos artistas xera unha simbiose cultural e musical en Lugo”

Jessica Fernández
Diego Gallego Fernández, máis coñecido como Diego Flâneur, e Ander López Gómez, baixo o alias de ünder, son dous cantantes emerxentes da cidade de Lugo que destacan por unha proposta musical ecléctica, en constante evolución, onde o hip-hop actúa como base, pero ábrese paso entre diferentes estilos, ritmos e influencias.
A través dun universo de referencias culturais que beben do cinema, da arte e da propia música, constrúen un imaxinario amplo e diverso.
As súas letras abordan temáticas variadas que, aínda que ás veces conflúen, non sempre seguen unha mesma liña: desde a nostalxia ou a ollada costumista ata atmosferas máis festivas e luminosas, onde se fala de amor, tradicións cotiás e experiencias persoais moi vinculadas a Lugo e ao seu entorno vital.
Ambos forman parte do selo lucense FAT Music, colectivo ao que tamén achegan a súa identidade creativa e que representa o espírito dunha nova escena urbana na cidade.
O seu seguinte traballo é El Último Chance, composto por nove temas, completamente autoproducido e autoeditado, no que participan voces destacadas da escena urbana local e galega, como 9Louro ou Jade4.
Como nace esa necesidade de crear música?
Nós nunca o pensaramos de pequenos. Si que nos gustaba a música, pero non tocaramos ningún instrumento. Cando nos coñecemos no instituto, con 15-16 anos, fixémonos moi amigos e compartiamos a paixón pola mesma música e, ao estar na mesma onda, iámonos mandando o que cada un escribía, ata que un día decidimos facer unha canción, que ao final é unha base de música instrumental de Youtube e unhas letras que fas rimar. Durante a pandemia, sobre todo, como non había nada que facer, xuntabámonos moito para cantar e mercamos un micro entre os dous, quedabamos na casa de Diego e ese era o noso ocio: experimentar co Autotune, coa posprodución de son... e comezamos a subir as nosas cancións a Youtube. Ander encargábase máis de facer as mesturas e cada vez soaban mellor os temas.
Como foi a acollida da xente?
Cremos que boa porque ninguén da nosa contorna contaba con que comezaramos a facer música e ademais, ao sermos os dous de Lugo, pois a xente de aquí empezou a escoitarnos e, xa sabes, a novidade, sorprendeulles as nosas cancións porque tampouco facemos o típico, unha canción de rap como tal, mesturamos xéneros. E nestes dous últimos anos eu creo que nos escoita máis xente.
Como definirían as súas cancións?
Pois como che comentaba, ao principio faciamos só letras cunha base instrumental, é dicir, máis rap, e logo fomos evolucionando e cambiando o estilo de música cara ao trap urbano. Pero temos cancións de distintos estilos, como máis festeiras, de mambo... depende da canción. Tamén temos temas en castelán e en galego. Pero en xeral temos un fío condutor entre todas as cancións, destacando o costumismo e o tradicional, co tema fundamental do arraigamento á cidade de Lugo, á nosa familia e a nós mesmos. Falamos de temas próximos da nosa vida aquí.
Que importancia ten para Lugo que xurdan novos artistas?
É importante, sobre todo, para impulsar a outra xente. Que saia unha persoa facendo música ou outro tipo de arte non implica que teña que saír outra, pero sempre é máis doado que, se ves a alguén facendo cousas, ti animes a dar o paso. Sobre todo, para xente máis nova, como nos pasou a nós, que comezamos un pouco ao ver a xente da nosa cidade, xente como nós, iguais, como LANASA, que é música urbana e tal e así animámonos. Facía falta isto tamén en Lugo; máis música. E ademais tamén se crea unha simbiose de persoas que comparten os mesmos gustos e coas que nos levamos moi ben, ademais.
Como foi o voso primeiro concerto e como valorades a vosa evolución?
A nosa primeira actuación foi en xaneiro de 2023 e foi abrindo para un artista de Ponferrada que se chama John Pollõn e a evolución desde ese día ata ter feito máis concertos, nótase, xa que ao principio estabamos máis nerviosos, pero co paso dos concertos e coa experiencia fomos gañando soltura. Actuamos hai pouco no programa Muralleando da área de Cultura do Concello de Lugo e temos agora o Festival Soa Suarna, que contactaron connosco para participar e temos moitas ganas.
Como lugueses, tamén son grandes afeccionados ao deporte e, concretamente, ao Club Deportivo Lugo, gustaríalles, se se dese o caso, escribir unha canción para o novo himno?
Si, sempre imos a todos os partidos do Club Deportivo Lugo. Somos socios desde que temos consciencia. Obviamente, facerlle a letra ao himno do Lugo ou a unha canción relacionada sería algo grande para nós do que sentirnos orgullosísimos, pero cremos que aínda temos que madurar a nosa música e empaparnos doutra xente e doutras cousas. Non temos os medios que ten, por exemplo, C Tangana, para facerlle o himno ao Real Club Celta de Vigo (entre risas).
Cales son os seus proxectos de futuro?
Gustaríanos seguir creando música, agora mesmo estamos facendo un álbum xuntos, xa que Diego sacou un máis individual, e apetecíanos facer un xuntos. E queremos seguir participando nas iniciativas nas que nos queiran ter en conta, coñecer xente, experimentar outros estilos... e participar en festivais fainos moita ilusión. Ademais, formamos parte do proxecto Festividade A Troula, que organizan eventos e contan con artistas da nosa xeración máis grandes, pero tamén teñen en conta a artistas locais. Ademais, teñen un selo discográfico no que estamos e así agrupamos o xénero aquí en Lugo.