Difusión dunha vila con historia

LugoXa
A Asociación de Amigos do Patrimonio e considera fundamental que se siga reivindicando o patrimonio da vila
asociacion amigos castroverde
26 Sep 2021

Manolo Muñiz é o presidente da Asociación de Amigos do Patrimonio e considera fundamental que se siga reivindicando o patrimonio da vila

O ano pasado, a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde celebrou o seu 15 aniversario, aínda que a celebración non se puido levar a cabo debido á situación sanitaria.

Sen embargo, aínda que xa son case 16 anos coma asociación, o seu presidente, Manolo Muñiz, recorda os inicios deste proxecto que ten sobre 20 anos. Así pois, xa polo ano 2001 ou 2002 varios membros actuais da asociación comezaron a falar de Castroverde e de visitar outros lugares “collíamos o coche e íamos por aí ata que nos demos conta de que non defendíamos o noso patrimonio”.

Entre estas persoas, xa se atopaban o filólogo e escritor Ricardo Polín, o escultor Paco Pestana e personaxes de interese sen relación con Castroverde coma Felipe Arias, director do patrimonio no bipartito e exdirector do museo de Viladonga, ou César Llana, o director do museo etnolóxico de Ribadavia.

Desta maneira, o obxectivo da asociación é divulgar e defender o patrimonio cultural da natureza artístico monumental e da tradición do Concello de Castroverde, incluído todo o relacionado co Camiño Primitivo de Santiago. Así mesmo, tamén se busca facilitar o coñecemento e a cohesión entre as persoas relacionadas co Concello de Castroverde; promover accións encamiñadas a potenciar, recuperar e difundir o patrimonio nas súas manifestacións; crear vínculos con outras entidades similares -como ocorre coas Irmandades- e dinamizar o Concello dende o punto de vista cultural ofrecendo diferentes actividades que promocionen o Concello.

Así pois, a pesar da historia e da evolución da asociación, Muñiz lamenta que “a xente vai sendo maior e a mágoa é que non hai incorporación de xente nova. Non digo os máis novos que están estudiando e facendo a súa vida, senón persoas de trinta e algo ou corenta anos que puideran unirse ao proxecto e darlle continuidade”.

LUGARES DE INTERESE E PROMOCIÓN. Os lugares de interese de Castroverde, segundo Manolo Muñiz, son moitos, sen embargo, hai que nomear en primeiro lugar as vías tradicionais; o Camiño Primitivo e a Vía IX, que contan con moita antigüidade. Dentro deles, hai unha variedade importante de lugares. Con este tipo de cuestións, dende a asociación, intentan defender o patrimonio.

ROTEIROS. Dende a Asociación dan a coñecer catro roteiros que existen por Castroverde. Un deles pasa por Soutomerille e polos seus arredores. Nel existe unha igrexa prerrománica e pódense visitar tres castros ou croas: o castro da Palloza, o de Soutomerille e o castro Peón. Este roteiro é significativo porque é o único trazo orixinario que hai do camiño primitivo. Así mesmo, Muñiz defende que a base de reivindicar este tipo de cuestións e de pór sinalizacións, a Xunta puxo por Soutomerille unha alternativa do Camiño Primitivo. Sen embargo, hai poucas persoas que o coñezan.

Outro dos roteiros é o do Val do río Tordio, que pasa por cinco parroquias e que é algo máis longo que o citado anteriormente. De feito, tamén é significativo debido ás igrexas románicas que se poden atopar, como a de Tordio e a de Espasante, así coma pombais, pazos e croas.

O terceiro roteiro pasa por dúas parroquias, Furís e Páramo e, ao igual que os anteriores, tamén é circular. Estas dúas parroquias son as que se atopan máis ao oeste de Castroverde e lindan con Baralla, Corgo e Baleira. Así pois, tamén se pode gozar nela de croas e vistas que merecen a pena.

Para rematar, o último roteiro é o que vai dende Montecubeiro a Barredo e é o único lineal. Así pois, pasa por diferentes parroquias nas que se pode contemplar vistas significativas.

CRUCEIROS. En canto aos cruceiros é algo que dende a asociación reivindicaron dende fai anos. No 2017, denunciouse a situación do cruceiro das Cabozas, que se atopaba tirado baixo unhas goteiras diante dunha casa en Montecubeiro. Recentemente, conseguíronse rehabilitar outros dous. Sen embargo, Manolo Muñiz reitera que é preciso rehabilitar algún máis e sinala, que xa se solicitou ao Concello que os dous cruceiros que se atopan na Veiga do Olmo se volvan a levar as súas correspondentes parroquias.

IRMANDAMENTOS. Así mesmo, tamén xurdiron os irmandamentos, un encontro de asociacións que cumpriu máis de dez anos e que se celebraba anualmente -coa pandemia, estes últimos dous anos non se puido levar a cabo-. Así pois, algunha das asociacións son da costa da Coruña, de Ares, de Neda, Arcas -no Concello de Sarria ou Arumes do Corgo.

OBRAS SOBRE O PATRIMONIO. Así mesmo, Muñiz destaca as diferentes obras que publicaron os socios e que, aínda que non as publicara a asociación, son sobre Castroverde, sobre o seu patrimonio e forma parte da investigación da historia da vila. Entre elas pódense mencionar Castro Verde nas crónicas de Rogelio Reigosa, El Caballero Verde e A fortaleza medieval de Castro Verde de Ricardo Polín e Rebelión nos coutos de Castroverde. Vasalos e fidalgos contra os señoríos. Séculos XV e XIX de José Luís Díaz-Castroverde Lodeiro. Ademais, hai que facer mención especial ás achegas na rede feitas polo socio de honor da asociación, Xosé Mª Gómez Vilabella; que foi o primeiro en publicar textos sobre Castroverde.

PROXECTOS DE FUTURO. O proxecto que se vai levar a cabo de maneira máis inmediata é o acto de distincións honoríficas de Castroverde. Dende a Asociación insistiuse, dende hai máis de dez anos, polo feito de volver a rehabilitar a figura de cronista oficial do Concello, acto que se levará a cabo este vindeiro 11 de setembro e ao que se unirán a distinción de fillo adoptivo e de fillo predilecto.

Así mesmo, os proxectos de futuro que hai en mente son a reedición de itinerarios do concello de Castroverde -xa que a que existe está desfasada e faltan algunhas cuestións- e a publicación dos cruceiros de Castroverde. Ademais, xunto a iso, Muñiz insiste en continuar a reivindicación de diferentes aspectos da vila como por exemplo a torre da Fortaleza e Soutomerille, “onde ningunha institución bota man dese patrimonio”. Na primeira, dende a asociación consideran que o Concello tería que facerse cargo dela porque “sería unha maneira de traer turismo a través dalgunha iniciativa realizada na mesma”. Sen embargo, na actualidade continúa o seu deterioro.

Ademais, Manolo Muñiz menciona outros monumentos patrimoniais como o convento de Montecubeiro ou diferentes igrexas que poden precisar a súa reparación. Sen embargo, como tamén sinala, non hai interese xa que “os representantes políticos o pouco que fan é porque estás aí detrás”. Ademais, engade o pouco interese na paisaxe, un aspecto que tamén é patrimonio e que tampouco se ten en conta “se penso como cambiou a paisaxe dende hai 20 anos en Castroverde... iso xa non ten palabras”. 

caminata amigos castroverde
roteiros amigos castroverde
0.16737604141235