DivulgaT celebra a súa décima edición para achegar á cidadanía a ciencia que se investiga no campus de Lugo

A Casa do Saber acolleu o inicio da décima edición de DivulgaT-Petiscos de Divulgación Científica, unha iniciativa da Asociación de Investigadores AgroMar que busca achegar á cidadanía o traballo científico que se desenvolve no campus de Lugo e fomentar o diálogo entre a comunidade investigadora e o público xeral.
A sesión inaugural contou coa participación de investigadores do campus lucense, que presentaron as súas liñas de traballo e descubrimentos a través de intervencións de dez minutos, cun formato accesible e participativo. O encontro enmárcase no programa Outono Cultural e contou coa presenza do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana Iglesia, e o presidente de AgroMar, Jacobo Álvarez Torres.
A Deputación colabora coa iniciativa no marco do convenio que mantén co campus lucense para apoiar diferentes actividades, entre elas a divulgación científica, a Universidade de Verán, as prácticas formativas na Granxa Gayoso Castro e o mantemento de instalacións.
DivulgaT promove tamén o uso do galego como lingua de comunicación científica e ofrece formación específica ás persoas participantes mediante un obradoiro teórico-práctico de doce horas impartido pola divulgadora Andrea Muras. A seguinte sesión terá lugar o 13 de novembro, ás 19:00 horas, novamente na Casa do Saber.