Dobre sesión de 'Noite na Domus' polo Día dos Museos
A Domus do Mitreo convírtese en protagonista nun novo programa do ciclo Músicas a carón da Mosqueira. Baixo o nome de Noite na Domus, este mércores, 18 de maio, ofrécese unha dobre sesión das visitas guiadas con acompañamento musical a este xacemento. Celso R. Cao e o zanfoñista do Arneiro, Germán Díaz, levarán aos asistentes a unha viaxe pola historia.
Os dous pases programados ao abeiro desta actividade, a través da que as entidades que financian o convenio Lugo Cultural (USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo) se suman á celebración do Día Internacional dos Museos, comezarán ás 20.15 e ás 21.30 horas, respectivamente.
O aforo máximo en cada quenda de visitas é de 25 participantes. As persoas interesadas poden solicitar xa de balde as entradas a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es . Tamén se poden informar a través do número de teléfono 982 821 511 en quenda de 9.00 a 14.00 horas.