Doce mozos participan nos Ancares nun campo de voluntariado centrado na conservación do patrimonio

A iniciativa combina traballos arqueolóxicos no castro do Teso da Ermida con actividades culturais e de coñecemento da contorna
campo-de-voluntariado-Navia-de-Suarna
31 Jul 2026

Un total de 12 mozos e mozas procedentes de seis comunidades autónomas participan estes días nos Ancares nun campo de voluntariado que ten como principal obxectivo colaborar na conservación e posta en valor do castro do Teso da Ermida, situado no concello de Navia de Suarna.

A actividade, que se desenvolve ata o 3 de agosto, reúne na aldea de Vilela a participantes de entre 18 e 30 anos chegados desde Galicia, País Vasco, Andalucía, Baleares, Madrid e Cataluña. Durante a súa estancia colaboran co equipo de arqueoloxía encargado das intervencións no xacemento, ademais de realizar labores de mantemento e mellora dos accesos ao recinto.

O programa inclúe tamén unha ampla oferta de actividades complementarias destinadas a achegar aos participantes ao patrimonio natural e cultural da comarca. Entre elas figuran un cinefórum, unha xincana polos espazos nos que se rodou a película O que arde e visitas a diferentes puntos de interese como a cidade de Lugo, o Museo e Castro de Viladonga ou a aldea de Piornedo.

Os participantes están aloxados na Casa Quindós, sede da asociación Ser, entidade que promove o proxecto cultural impulsado nos Ancares polo cineasta galego Oliver Laxe. A iniciativa busca combinar o traballo voluntario coa formación e a convivencia, ofrecendo unha experiencia vinculada ao patrimonio, á cultura e ao territorio.

O campo de voluntariado forma parte da campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou aos participantes acompañado por Oliver Laxe e por representantes da cooperativa Avada, encargada da xestión da actividade. Durante a visita, Villares destacou o valor da iniciativa e agradeceu a implicación do director de cinema no desenvolvemento de proxectos culturais e sociais na comarca dos Ancares.

0.12292218208313