Dous centros educativos de Lugo entre os gañadores dos mellores proxectos de Polos Creativos

LugoXa | AMariñaXa
O CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove, gaña o concurso de carteis sobre reciclaxe de Sogama con: Planeta só temos un, usa ou sentido común
Premio IES Plurilingue San Rosendo Mondonedo
3 Jun 2023

Foron entregados os galardóns a 21 colexios e institutos participantes que destacaron polas súas propostas nas Xornadas de exhibición dos mellores proxectos de Polos logo do seu primeiro curso de implantación.

Na provincia de Lugo os dous centros gañadores foron o EEI de Fingoi no 2, na categoría Primaria, co Mellor proxecto de fomento de hábitos de vida saudable e sostibilidade, que consistía no Dragón plasticón unha creación artística dun dragón empregando material reciclado, coa colaboración das familias. Traballo feito por alumnado de Infantil.

O outro centro foi o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, na categoría Secundaria, co Mellor recurso de comunicación cultural/social, que pon en valor a cultura tradicional e da comunicación interxeracional coa recreación de xogos tradicionais empregando material de refugallo.

Na súa intervención, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, explicou que a partir do vindeiro curso o cen por cen dos colexios e institutos sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas regradas de 2º ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria van contar con estes espazos tecnolóxicos. Segundo dixo, a ampliación desta acción, que se puxo en marcha de xeito pioneiro no presente curso, responde “á obriga da Administración de proporcionar ferramentas para que os nosos rapaces cheguen á idade adulta coa mellor formación posible”. “Temos que garantir que saian da escola preparados para os retos da sociedade do século XXI”, abondou.

A este obxectivo responde precisamente a dotación de Polos Creativos, configurados como espazos de innovación educativa onde os alumnos poder levar á práctica os coñecementos teóricos adquiridos a través da resolución de problemas reais. “Todo isto -explicou o conselleiro- permite que os alumnos cheguen á clase ilusionados e saian dela coa sensación de que o aprendido ten utilidade”.

De feito, así o puido comprobar na visita aos expositores onde os centros galardoados exhibían as súas propostas, realizadas a raíz dun reto lanzado pola Consellería que consistía en elaborar iniciativas a partir do material de refugallo que se lles enviou co material dos Polos Creativos (caixas, palés, plásticos...).

Lanzáronse seis retos: mellor material científico-matemático, mellor material didáctico-demostrativo, mellor proxecto artístico, mellor solución de accesibilidade e convivencia, mellor recurso de comunicación cultural/social e mellor proxecto de fomento de hábitos de vida saudable. En total, presentáronse 75 propostas, das cales foron seleccionadas as 21 mellores a razón de seis de centros de Primaria e outros seis de Secundaria que se alzaron cos primeiros premios, 8 accésit e unha mención de honra (a listaxe de premiados coa descrición dos proxectos pode consultarse no documento adxunto).

80.000 unidades de equipamento especializado

A partir do vindeiro curso máis de 1.200 centros educativos (uns 1.000 novos que se engade aos 225 polos que xa funcionan este curso) contarán con este servizo, grazas a un investimento de 18,7M€ por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, aprobado onte no Consello da Xunta. Tamén disporán do material todas as aulas hospitalarias e haberá conxuntos de equipos específicos para a atención domiciliaria.

En total, despregaranse máis de 80.000 unidades de equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción e téxtil e informática, con kits adaptados aos niveis educativos aos que van dirixidos. Haberá equipos de electrónica básicos e avanzados para diferentes idades, robots de chan e programables, placas microbit, microcontroladores, sistemas domóticos, circuítos de papel, escaneado e impresión 3D, tabletas, xogos de construción de pezas encaixables e sistemas para a creación de audiovisuais, entre outros.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18163990974426