El Combo Dominicano estará nas festas de Paradai, que encherán o barrio de música

LugoXa
O barrio celebrará os días 11, 12 e 13 de setembro as festas na honra de San Mateo cunha ampla programación na que a música, o baile e as actividades para todas as idades serán protagonistas
Festas-Paradai-22
3 Sep 2026

Paradai xa ten todo preparado para celebrar as súas festas na honra de San Mateo, que se desenvolverán os días 11, 12 e 13 de setembro cunha programación pensada para gozar en familia e coa música como un dos principais atractivos.

As celebracións arrancarán o venres 11 ás 16:00 horas coa apertura dos carruseis. Ás 20:30 horas terá lugar o pregón, a cargo de Bibi Bouza, presidenta do Club Voleibol Emevé. A gran noite comezará ás 22:30 horas coa verbena, que contará coa actuación de El Combo Dominicano, acompañado de DJ Ayran Núñez.

O sábado 12 haberá concentración de coches clásicos con ruta desde as 10:00 horas, apertura dos carruseis e unha sesión vermú a cargo de Iker y su Acordeón. Pola tarde celebrarase un sorteo de agasallos e unha sesión de Tambukda. Xa pola noite, a verbena contará co Grupo Las Vegas, Iker y su Acordeón, Azúcar Moreno e a cantante galega Ruth Cundís.

O domingo 13 estará marcado pola celebración da misa solemne ás 13:00 horas, seguida dunha nova sesión vermú, nesta ocasión a cargo do Dúo Charrada. A tarde estará dedicada especialmente aos máis pequenos coa celebración do Día do Neno, con sorteo de agasallos e carruseis con desconto entre as 17:00 e as 21:00 horas.

Tres días de festa nos que Paradai combinará tradición, música e diversión para converter as festas de San Mateo nunha das citas destacadas do calendario festivo.

0.12019085884094