Elena Candia acada novos acordos na Mesa de Negociación para reforzar os servizos públicos

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, continúa dando pasos para cumprir un dos compromisos que situou entre as prioridades do seu mandato: a mellora da organización municipal e a atención ás necesidades do persoal do Concello.
A Mesa Xeral de Negociación celebrada esta mañá permitiu aprobar importantes acordos destinados a reforzar diferentes servizos municipais e adaptar a estrutura de persoal ás necesidades actuais da administración local. Entre as medidas acordadas figura a creación de catro prazas para o servizo de información cidadá 010, aprobadas por unanimidade, así como a incorporación de 19 postos para a Banda Municipal de Música, unha proposta que contou co voto favorable de CIG, CC.OO. e CSIF, mentres que UGT e USO optaron pola abstención.
Tamén se aprobou por unanimidade a creación de novos postos na brigada de augas, así como a incorporación de persoal de oficios, tanto laboral como funcionario. Do mesmo xeito, acordouse a ampliación da xornada da educadora social do Sagrado Corazón e do Centro Social María Balteira, a reclasificación de dous postos de habilitados nacionais e a modificación do posto de traballo do coordinador de Deportes e doutro pertencente ao servizo de Informática.
Estes acordos saíron adiante co respaldo maioritario da representación sindical, nunha "mostra da vontade de diálogo e entendemento que o Goberno local vén impulsando para avanzar na resolución de cuestións pendentes e na mellora dos servizos públicos", dixo.
Elena Candia destacou que a situación do persoal municipal foi unha das cuestións que situou no centro da súa acción de goberno desde o primeiro momento, apostando pola negociación e pola procura de acordos que permitan reforzar a capacidade de resposta do Concello e mellorar a atención á cidadanía.
A xornada completouse cunha reunión mantida coas traballadoras do servizo de limpeza dos edificios municipais e coa empresa concesionaria. Neste encontro avanzouse nun acordo que permitirá mellorar as condicións laborais das empregadas, favorecendo unha mellor conciliación da vida persoal e profesional ao deixar de prestar servizo os sábados.
A alcaldesa reafirmou o seu compromiso de continuar traballando da man dos empregados municipais e dos seus representantes para seguir mellorando as condicións laborais do persoal, reforzar os recursos humanos do Concello e ofrecer uns servizos públicos cada vez máis eficaces e próximos á cidadanía lucense.