Elena Candia impulsa a actualización do Plan Municipal de Emerxencias na primeira Mesa de Seguridade Local

LugoXa
A alcaldesa de Lugo abordou coa Policía Local as necesidades do servizo, a creación do Cecopal e a situación das prazas pendentes no corpo policial
Xefe-Policía-Local-concello-de-Lugo-mesa-de-seguridade
12 May 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo a primeira reunión da Mesa de Seguridade Local xunto ao xefe da Policía Local, José Río, co obxectivo de analizar as principais necesidades do servizo e coordinar actuacións prioritarias en materia de seguridade cidadá.

O encontro estivo centrado na necesidade de avanzar na protección e seguridade da veciñanza, así como na actualización e posta en marcha do Plan Municipal de Emerxencias (PEMU), un documento obrigatorio para os concellos de máis de 20.000 habitantes ou con riscos específicos. O plan fora aprobado inicialmente en outubro de 2024 durante o mandato da anterior alcaldesa, Paula Alvarellos, aínda que continúa pendente de completar diversos trámites para a súa aprobación definitiva e entrada en vigor.

Durante a reunión abordouse a necesidade de incorporar os estudos pendentes sobre o transporte de mercadorías perigosas e as zonas inundables, así como de dotar ao Concello dos medios necesarios para facer operativo o PEMU. Entre as actuacións previstas figura a creación dunha unidade de Protección Civil e o desenvolvemento da normativa necesaria para garantir unha resposta eficaz ante posibles situacións de emerxencia.

Outro dos aspectos analizados foi a constitución do Cecopal, o Centro de Coordinación Operativa Municipal, equivalente local do Cecopi. A creación e dotación deste servizo está valorada en 177.000 euros e permanece pendente de licitación. Segundo fontes do goberno municipal, o financiamento prevese a través de fondos de Unespa, dos que Lugo dispón actualmente de 1,7 millóns de euros.

A alcaldesa agradeceu a colaboración existente entre Policía Local, bombeiros e persoal municipal, e non descartou incorporar nas próximas reunións da Mesa de Seguridade a outros corpos e forzas de seguridade.

No ámbito organizativo, tamén se trataron os preparativos dos actos previstos para o próximo 21 de maio con motivo da celebración do patrón da Policía Local.

Outro dos asuntos abordados foi a situación de persoal do corpo policial, especialmente no relativo ás prazas pendentes das Ofertas Públicas de Emprego. Na reunión púxose tamén sobre a mesa o atraso existente no pagamento das horas extraordinarias, así como as dúbidas sobre a regulación do tráfico nas zonas de baixas emisións e a tramitación dos permisos de acceso ás zonas peonís e de tráfico compartido, entre elas as situadas no entorno do HULA e do CIS.

Neste sentido, o goberno municipal comprometeuse a xestionar coa Xunta de Galicia e co CIS os convenios necesarios para garantir a regulación do tráfico e a capacidade de actuación ante posibles incidencias nestes espazos.

0.13503694534302