Elena Candia inicia contactos cos representantes sindicais do Concello de Lugo

A nova alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo as primeiras reunións de traballo cos representantes do comité de empresa e da xunta de persoal do Concello, nunha serie de encontros nos que participaron membros de distintos sindicatos, entre eles CC.OO., UGT, USO, CIG, CSIF e a Unión Sindical de Bomberos.
Durante as xuntanzas, Candia trasladou aos representantes sindicais a súa intención de manter unha relación sustentada “no diálogo, na escoita e na colaboración permanente” cos traballadores municipais. A rexedora destacou ademais o papel do persoal do Concello, ao considerar que “é unha peza fundamental para mellorar o funcionamento do Concello e a atención á veciñanza”.
A alcaldesa tamén puxo en valor o labor desenvolvido polos empregados públicos, especialmente en departamentos que, segundo indicou, levan anos soportando unha importante sobrecarga de traballo.
Nos encontros, Elena Candia mostrouse disposta a escoitar as demandas e prioridades dos representantes laborais co obxectivo de avanzar nunha mellor organización interna e na planificación das necesidades máis urxentes de persoal. Neste sentido, emprazou ás partes a manter unha nova mesa de traballo a vindeira semana.
Desde o comité de empresa explicaron que se reunirán previamente para establecer as prioridades sobre as que consideran necesario avanzar nos próximos meses. Pola súa parte, desde a xunta de persoal xa trasladaron a urxencia de impulsar cuestións como a carreira profesional e a modificación da Relación de Postos de Traballo.
Candia concluíu sinalando que “un Concello que funciona mellor por dentro pode prestar mellores servizos aos lucenses”.